"Sentido común e vontade política", a receita de Lores ás autarquías portuguesas

Porto, 27 de marzo de 2025. “Teñan en conta que non temos planeta B... hai que reflexionar, debater, pero sobre todo hai que avanzar”. Así foi unha parte do discurso que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dirixiu ás máis de 150 persoas da administración local portuguesa reunidas no terceiro congreso das Cidades e Vilas que Caminhan, aberto polo vice presidente da Cámara de Porto na capital tripeira.
Lores puxo en valor tanto os seus anos de Goberno como os que estivo na oposición, onde aprendeu realmente como enfocar a política local: “Unha vez que puidemos gobernar xa tiñamos moito camiño andado e sabíamos máis ou menos como enfocar os retos da cidade, pero seguimos estudando e fixándonos nas liñas máis avanzadas para enfocar o modelo que queriamos; e tamén nos fracasos, naquelas cousas que nun momento dado puideron parecer avances, pero que realmente non contribuían a facer unha cidade mellor”.
Recomendou a autarcas e persoal técnico presente no congreso que cada cidade adopte o camiño que considere, mais sempre no mesmo sentido e sen dar pasos atrás para conseguir cidades inlcusivas, cohesionadas e amables.
“Nós aprendemos a primeira lección: cambiar de paradigma é posible, porque cando fas transformacións positivas recibes o apoio que mereces, xa que a cidadanía é moi intelixente. A partir de aí divulgamos a nosa experiencia, que se pode servirlle de algo a alguén, nós encantados”.
A redución drástica do número de vehículos aumentando o espazo dedicado ás persoas lévase mal co concepto “fluidez do tránsito” que utilizan algunhas persoas, xa que a única forma de facer fluído o tránsito motorizado é reducindo a densidade de coches, facendo cidades compactas e multiservizos, procurando que só circule pola cidade o tránsito que é realmente necesario.
Citou ao célebre urbanista danés Jan Gehl co seu célebre “coñecemos máis sobre o hábitat do oso panda que sobre o hábitat do ser humano urbano”, para a continuación animar a tomar decisións políticas claras, que aposten por mellorar a calidade de vida das persoas: “Sentido común, vontade política e seguir avanzando para lograr un mundo mellor para os nosos netos e netas”, alegato co que pechou a súa intervención motivadora.
No terceiro congreso da Rede de Vilas e Cidades que Caminhan participaron numerosos representantes da vida municipal portuguesa, pero tamén con importante presenza do estado español, xa que as cidades de Vitoria-Gasteiz, Bilbo e La Línea de la Concepción amosaron os seus avances en materia de espazo público. A presidenta da entidade portuguesa, Paula Teles, subliñou a faceta profesional do alcalde de Pontevedra como médico que foi capaz de “facer un diagnóstico preciso e un tratamento acaído na súa cidade”.