BIBLIOTECA MARTÍNEZ FERRO. VENRES 21

Caldas celebra o Día da Narración Oral con dúas sesións de contacontos

Manuel Fariña
Manuel Fariña
Caldas celebra o Día da Narración Oral con dúas sesións de contacontos

Caldas, 19 de marzo de 2025.  O Concello de Caldas de Reis, a través do departamento de Cultura, vén de organizar dúas sesións de contacontos para pasar a tarde deste venres na Biblioteca. As pezas serán ‘Vicio houbo sempre’ de Atenea García e destinada a público adulto, e ‘Coser e Cantar’, con María Ortiz, para público familiar. 

As dúas propostas, segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, son totalmente de balde e abertas á veciñanza, como toda a programación da Biblioteca Municipal Martínez Ferro. A primeira sesión de contos, que terá como protagonista a Marta Ortiz, está dirixida a rapazada a partir dos catro anos e a familias. Será ás seis da tarde e é precisa inscrición previa na propia biblioteca ou no teléfono 986 53 06 04.

‘Coser e cantar’ é un espectáculo teatral no que haberá narración oral, música e teatro de obxectos e pezas enfiadas polas coplas do ‘Cancioneiro da agulla’. Será unha viaxe a un taller de costura, un lugar máxico aos ollos da nena protagonista que escoita contos, coplas, e cancións tan antigas como o oficio da costura en boca da súa avoa, nai e tía mentres traballan. 

No caso da contada de Atenea García, ‘Vicio houbo sempre’, a sesión comezará ás 20.30 horas. Trátase dunha divertida e fresca proposta de narración oral para público adulto onde se presentan historias de vida recollidas a mulleres que xa cumpriron 80 anos, historias que falan de desexo, pracer e de sexualidade. 

Segundo explica a compañía teatral ‘Urdime’, a primeira historia nace cunha frase: “Vicio houbo sempre, gracias a Dios!”.  “E logo seguíronlle outras tantas onde as mulleres foron contándolle unha chea de cousas supostamente prohibidas. A peza fala do amor e da vida que sempre houbo nas marxes fiando contos sobre a diversidade sexual, a ausencia na emigración e, como non, a diversión nos bailes das festas! Todo, ao ritmo de historias e cancións acompañadas coa pandeireta”, apuntan. 

Caldas celebra o Día da Narración Oral con dúas sesións de contacontos