Soutomaior converterá o campo de fútbol do Graciano Padín nunha instalación deportiva do século XXI

Manu Lourenzo, Luísa Sánchez e Diego Moreira
Manu Lourenzo, Luísa Sánchez e Diego Moreira
Soutomaior converterá o campo de fútbol do Graciano Padín nunha instalación deportiva do século XXI

Soutomaior, 19 de marzo de 2025. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, presentoulle á Vicepresidenta da Deputación provincial, Luísa Sánchez, o proxecto do campo de fútbol Graciano Padín, unha actuación, realizada ao abeiro dos fondos extraordinarios de Infraestruturas Deportivas da Deputación Provincial, mediante a cal, o Goberno de Soutomaior, investirá 123 mil euros no arranxo do peche exterior do campo, o cambio das redes protectoras e a renovación do actual sistema de rego. 

Con esta actuación o Goberno de Soutomaior avanza xa na segunda fase do arranxo do campo Graciano Padín, despois de investir en 2024 case 60.000 euros no arranxo do acceso principal ao recinto deportivo e en varias instalacións e 20.000 euros máis para a instalación dun sistema de aerotermia nos vestiarios. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o campo de fútbol Graciano Padín pasará a ser un recinto deportivo do século XXI, poñéndose á altura doutras instalacións deportivas municipais nas que tamén se están a realizar importantes actuacións dende o Goberno Local”.

Así, o alcalde Manu Lourenzo lembrou que “o campo Graciano Padín é empregado cada semana por máis de 200 rapaces e rapazas do noso concello e polas súas familias, que merecen unhas instalacións deportivas á altura. Ademais, cada fin de semana decenas de persoas entre xogadores/-as e seareiros doutras zonas da provincia chegan ao Graciano Padín. É por iso que no Goberno queremos que este campo, ao igual que no resto de instalacións que estamos facendo investimentos, sexan o vivo exemplo da transformación que estamos a realizar no concello”.

Neste sentido, Lourenzo subliñou que “estamos a realizar máis investimentos ca nunca na historia da parroquia de Soutomaior. A praza na carreira de bolos da Pedreira, os asfaltados nos diferentes barrios, os proxectos para unha praza na Casa do Concello e a reurbanización e mellora do Val-Sobral... a iso hai que sumarlle os proxectos nos que o Goberno de Soutomaior está traballando para todos os barrios do concello. Esta é a transformación rural e urbana que o noso concello necesitaba e que estamos levando a cabo, co claro compromiso de mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde de Soutomaior.   

Soutomaior converterá o campo de fútbol do Graciano Padín nunha instalación deportiva do século XXI