Os faladoiros feministas debaterán sobre a realidade da muller no deporte, a política e a cultura

Pontevedra, 19 de marzo de 2025. O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti é o lema e principio que guía toda a programación municipal vencellada ao 8M, que enfronta a recta final coa celebración dos Faladoiros Feministas e a derradeira representación da obra Invisibles.
“Para nós o feminismo transcende a data fixa do 8 de Marzo, unha xornada reivindicativa, para pór o foco na realidade das mulleres e de mobilización” subliñou Anabel Gulías, quen tamén citou o amplo abano de actividades dirixidas á mocidade, promovidas polo seu departamento ao longo do primeiro semestre do ano.
Os Faladoiros Feministas, sinalou a concelleira, abordarán a consecución do principio de igualdade no mundo do Deporte, a Política e a Cultura e o impulso e cambios que o feminismo conseguiu nestes eidos.

Todas as charlas-debates desenvolveranse na sala multiusos do Teatro Principal, ás 19.00 horas. O acceso é libre ata completar aforo. Son as seguintes:
1.- Feminismo e Deporte. Mércores 26 de marzo coa karateca Ruth Lorenzo Couso (IG ruth.lcouso), Na actualidade, número 1 do Ránking Estatal Absoluto da Real Federación Española de Kárate en kumite senior fem. -55 kg e Número 51 no Ránking Internacional da Word Karate Federation en kumite senior -55kg- . Modera a xornalista Lara Saéz.
“Paga pena escoitar a Ruth, unha muller que loita non só no tatami, senón tamén na sociedade” dixo a concelleira de Igualdade, certa de que as reflexións da karateca sobre a perspectiva de xénero, os estereotipos no mundo do deporte, a forza das mulleres neste eido ou os atrancos que atopan serán de gran interese.
2.-Feminismo e Política. Martes 1 de abril, coas parlamentarias galegas Olalla Rodil (BNG), PalomaCastro(PSOE), e Raquel Arias (PP). Modera a xornalista María Varela.
Gulías recoñeceu que esta palestra gústalle especialmente. “O feminismo na política é un melón que hai que abrir, xa que as políticas atopamos barreiras fóra, pero tamén dentro”, indicou.
3.- Feminismo e Cultura. Martes, 8 de abril coas Tanxugueiras, o trío de pandereteiras formado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro. Modera a xornalista Chus Gómez.
“Elas abriron fronteiras na lingua e amosaron que non hai fronteiras e o valor do patrimonio inmaterial gardado polas mulleres” destacou a concelleira de Igualdade.
INVISIBLES
O teatro tamén ten cabida no programa municipal que xira arredor do 8 de Marzo, ao incluír a oportunidade de ver a derradeira función da obra Invisibles, de Redrum Teatro, dirixida por Marián Bañobre e baseada no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo, que relata historias reais de violencia de xénero, sufridas por sete mulleres galegas.
A cita é o mércores 2 de abril, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, con entrada libre ata completar cabida.
OUTRAS ACTIVIDADES
Por último, a concellería de Igualdade lembrou as actividades, promovidas polo seu departamento e dirixidas á mocidade. Son as seguintes.
1.- Obradoiros de Igualdade, educación sexual e prevención da violencia machista. Impartiranse ao alumnado de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional a partir do mes de abril. Nesta edición haberá tamén obradoiros dirixidos ao profesorado e ás familias.
2.- Contacontos Somos iguais, contos para a igualdade. Actividade dirixida a nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria. Actividade que se porá en marcha no mes de maio
3.- Exposición “Eva e Maruxa”. Proxecto artístico transversal, que pon o foco na igualdade e no que están traballando os centros educativos de Secundaria de Pontevedra. A mostra inaugurarase no mes de xuño, no Mercado e despois será itinerante.