22 DE FEBREIRO ÁS 12.30 NO BAR VERBENA

Pontevedra celebrará o Día de Rosalía cun vermú e unha lectura pública de poemas

Rolda Rosalía
Rolda Rosalía
Pontevedra celebrará o Día de Rosalía cun vermú e unha lectura pública de poemas

Pontevedra, 18 de febreiro de 2025. O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez presentou a celebración do Día de Rosalía salientando que “este evento terá lugar vindeiro sábado 22 ás 12.30 no Bar Verbena aínda que o Día de Rosalía é o día 23. Este ano ímolo celebrar o 22 pola mañá por un motivo moi importante: o Concello fai parte de Queremos Galego e o día 23 hai convocada unha manifestación en Santiago de Compostela a prol da lingua galega. Estamos nunha situación de emerxencia lingüística e non queremos que ninguén teña escusa para non asistir. Celebramos a Rosalía o día 22 e convocamos a todos e todas as pontevedresas que sintan a lingua, que queiran que a lingua galega revitalice, a asistir a esa manifestación”. 

Demetrio estivo acompañado por Lucía Novas, da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), Cynthia Menéndez e Elvira Jardón do colectivo O Fruto e a Serpe e Sara García Polo, do bar Verbena, “que representamos as 4 entidades que este ano organizamos conxuntamente esta celebración polo Día de Rosalía”. “Convocamos a todas as persoas que lles guste a poesía, a nosa lingua e que gocen con Rosalía, a que nos acompañen este sábado 22 ás 12.30 a un vermú no bar Verbena, onde convidaremos ás persoas asistentes a ler poemas das obras Cantares Galegos e Follas Novas. Está moi ben ler, pero tamén pasarse polo Verbena a simplemente escoitar este poemas marabillosos e seguro que ambientación que vai facer O Fruto e a Serpe, vai ser unha auténtica marabilla como xa o foi o ano pasado”. 

A poeta Lucía Novas, representante da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega será a encargada de ler o manifesto que se elabora cada ano para o Día de Rosalía, escrito por Marga Doval e está artellado entre a idea de reivindicación da lingua, da terra e tamén hai unha mención a Palestina”. 

Pola súa banda, Cynthia Menéndez e Elvira Jardón desde O Fruto e a Serpe, serán as encargadas da ambientación do acto, que terá como motivo a relación de Rosalía coa natureza. 

Pontevedra celebrará o Día de Rosalía cun vermú e unha lectura pública de poemas