SÁBADO 22 ÁS 17.30 H. DESDE A RÚA DO CALVARIO
15 comparsas desfilarán no inicio do entruido de Soutomaior

Soutomaior, 18 de febreiro de 2025. O Entruido chegará con moitas novidades e actividades neste 2025 en Soutomaior. E comeza pisando forte co seu desfile de comparsas que se celebrará este sábado, 22 de febreiro.
Unha cita que comezará ás 17:30h. con saída dende a rúa Calvario. O primeiro treito do desfile será o “treito silencioso” para que todas as persoas poidan desfrutar en igualdade de condicións desta cita tan agardada. O treito silencioso irá, polo tanto, dende a Rúa do Calvario ata o Cruce de Cima de Vila.
O desfile estará encabezado polo pregoeiro deste ano “Juan de Arcade”, un home popular e coñecido no concello. O desfile partirá ás 17:30h. do Calvario con chegada a Talo Río, alí a partir das 20:00h. terá lugar a lectura do pregón a cargo de “Juan de Arcade” e logo seguirá a festa coa actuación do Trío Azabache.
A seguinte cita do Entruido de Soutomaior, será o domingo 23 de febreiro co Obradoiro de máscaras tradicionais que terá lugar na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval, en Soutomaior, e estará impartido por Rafa Quintía e Pili Silva. Un obradoiro, de balde, onde se van realizar as máscaras do xeito máis tradicional, con materiais naturais e restos de teas. As e os interesados en inscribirse poden facelo ata este xoves en https://soutomaior.gal/produto/obradoiro-de-mascaras-de-entruido/

O venres 28 as pequenas e pequenos do CEIP Manuel Padín Truiteiro desfilarán polas rúas de Arcade enchéndoas de luz e cor. Unha cita que dará comezo ás 10:30h. e sairá dende o cruce de subida do colexio. Neste desfile, grazas ao obradoiro ofrecido por Quintíatamén sairán un grupo de Entruidos coas súas máscaras feitas para a ocasión.
O sábado 1 de marzo centrarase toda a actividade na Casa do Pobo da Pedreira, onde terá lugar o Encontro de Entruidos coa sesión vermú protagonizada por “Fanfarria Furruxa”, a continuación será o Xantar Veciñal do Galo con arroz, o grande protagonista, unha cita de reencontro e de unión do pobo. O menú terá un prezo de 15 euros e inclúe galo con arroz, bebida e sobremesa. As persoas interesadas en asistir deberán de mercar o seu ticket en calquera Asociación do Concello de Soutomaior. Após o xantar terá lugar a Procesión do Galo con xogos e actividades infantís e cunha verbena con música popular e co “Dúo Marema”.
O domingo, 2 de marzo, as pequenas e pequenos serán os grandes protagonistas coa súa Festa infantil: Quiquiriquí o galo corre aquí, unha cita onde as quiricas e quiricos farán moitos xogos populares e onde poderemos desfrutar do gran espectáculo de “Barafunda no galiñeiro”:
O martes, 4 de marzo, martes de Entruido virá marcado pola fiada. A fiada estará amenizada con música e baile tradicional coa participación de gaitas, pandeiretas, bailadores/as,... Unha cita onde participarán as pandereteiras de Gharghamala pandereteiras de Aboal as de TouTón de Pazos de Borbén, Pandereteiras de San Vicente, e da Hermida, e moitas máis. Todo aquel que queira unirse está convidado a participar nesta Fiada do martes de Entruido que se celebrará de 20:30 a 00:00h.
E para rematar o Entruido, o concello de Soutomaior volve a recuperar o enterro da sardiña, unha cita que terá lugar o 5 de marzo, mércores de cinza, e que sairá ás 19:30h. da Praza de Cima de Vila. O percorrido será dende a Praza, pasando pola rúa Xosé Solla para finalizar no campo da petanca onde se despedirá á sardiña. Un evento no que colaborarán a Banda de Música Artística de Arcade, a Asociación da Xesteira, a Asociación Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.
Na parte de Promoción Económica o Entruido tamén chegará ao comercio e hostalería de Soutomaior co concurso Vaia Meco e co Entruido no Peto onde se repartirán máis de 10 premios entre as veciñas e veciños que merquen no comercio local. Accións na que participan máis de 25 establecementos do concello.