O BNG de Valga solicitará a creación de espazos accesibles e seguros para deixar e recoller aos nenos e nenas nos colexios de Baño e Cordeiro

O BNG de Valga solicitará a creación de espazos accesibles e seguros para deixar e recoller aos nenos e nenas nos colexios de Baño e Cordeiro

Valga, 18 de febreiro de 2025. A acumulación de coches nas horas de entrada e saída do alumnado, a falta de espazos delimitados e a presenza de menores en movemento, xeran riscos innecesarios na contorna dos colexios CEIP Baño-Xanza e CEP Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG, “dispor dunha contorna segura na zona de acceso aos colexios é fundamental para garantir que todo o mundo teña lugares polos que moverse con tranquilidade, independentemente do vehículo que utilice”. 

Para tentar solucionar os problemas de tráfico que se forman á entrada e saída, o grupo municipal do BNG de Valga proporá no vindeiro pleno a creación dunhas vías seguras no colexio de Baño e de Cordeiro, onde as familias que cheguen en coche, poidan deixar aos nenos e nenas de maneira segura, ordenada e fluída, sen interferir no tráfico nin poñer en perigo a seguridade viaria de todas as persoas que acceden aos colexios. 

Desde o BNG considérase prioritario evitar situacións de risco nunhas zonas con alta afluencia de menores, por iso esixirá mellorar a circulación e reducir o perigo nas contornas dos centros educativos. Uns accesos controlados minimizarían situacións de perigo e axudarían a que o alumnado chegue con máis tranquilidade aos colexios. 

Este sistema, coñecido como “Bico e Vai!”, xa funciona con éxito en algúns colexios do país, facilitando a mobilidade, reducindo o caos circulatorio nos horarios de entrada e saída e, sobre todo, protexe aos rapaces e rapazas, mais tamén ao profesorado e ao resto dos traballadoras e traballadores dos colexios. Esta práctica non é máis que reservar zonas limitadas e debidamente sinalizadas para que os familiares que levan aos seus fillos e fillas á clase poidan facer unha breve parada e deixalos con seguridade. 

Ao mesmo tempo, o BNG tamén propón que se realicen campañas de concienciación para que aquelas familias que dispoñen de transporte escolar público e gratuíto fagan uso deste, sempre que sexa posible. Outra medida para favorecer a chegada dos nenos e nenas aos colexios sería a creación de camiños seguros para que estes acudan de forma autónoma aos centros educativos, xa que a contorna rural de Valga ofrece boas condicións de uso e seguridade. Esta posibilidade ofrécelles aos rapaces e rapazas autonomía, madurez e responsabilidades propias da súa idade, ademais de que poidan adoptar bos hábitos de comportamento na rúa. 

O BNG de Valga solicitará a creación de espazos accesibles e seguros para deixar e recoller aos nenos e nenas nos colexios de Baño e Cordeiro