O BNG de Caldas chama a participar na manifestación en defensa do galego deste domingo en Compostela baixo o lema ‘Lingua vital xa!’

O BNG de Caldas chama a participar na manifestación en defensa do galego deste domingo en Compostela baixo o lema ‘Lingua vital xa!’

Caldas, 18 de febreiro de 2025. Parafraseando a Son Goku en Bola de Dragón e reclamando unha “Lingua vital xa!‟, o BNG de Caldas de Reis ven de facer unha chamada á veciñanza da vila termal para participar na manifestación convocada pola plataforma “Queremos Galego” este domingo en Compostela co fin de superar a “emerxencia lingüística” que vive o país. 

O voceiro Manuel Fariña pon de manifesto que a última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre a situación da lingua mostra “datos alarmantes”, situándose “no seu peor rexistro histórico”. Subliña que o obxectivo da protesta é que a Xunta se comprometa co galego, entre outras cousas, derrogando o decreto da vergoña, que impulsou un monolingüísmo castelán. 

Destaca que os 16 anos de políticas galegófobas do executivo no país “están a poñer contra as cordas o futuro do noso idioma”. As consecuencias das políticas do PP están á vista, dixo, xa que o galego non só descende bruscamente no uso habitual, perdendo a súa condición de lingua máis falada en Galiza, senón que mesmo se descoñece nas franxas de idade máis novas. Subliña que segundo as estatísticas a nivel global na Galiza o 32,4% das nenas e nenos entre 5 e 14 anos non son quen de expresarse en galego. 

O voceiro do BNG en Caldas sostén que o domingo, que coincide coa celebración do Día de Rosalía, deberá ser “un día para reivindicar o orgullo de ter lingua propia”. Subliña que “aínda é posible cambiar o rumbo” se o compromiso coa normalización do idioma é real e asumido por toda a sociedade, polo que anima á veciñanza de Caldas a transformar a emerxencia lingüística en “forza reparadora” coa súa presenza en Compostela. 

O BNG de Caldas chama a participar na manifestación en defensa do galego deste domingo en Compostela baixo o lema ‘Lingua vital xa!’