Caldas celebra o 2 de marzo a súa III Carreira de Orientación coa vista posta nun récord de participación

Caldas, 18 de febreiro de 2025.- O Concello de Caldas de Reis vai celebrar o vindeiro 2 de marzo a terceira edición da súa carreira de orientación, unha cita que xa está consolidada e que, en palabras do Tenente de Alcalde e responsable de Deportes Manuel Fariña, ten a vista posta en acadar un récord de participación. As inscricións están abertas e xa hai 175 persoas apuntadas, o que leva a pensar en que haberá, “como mínimo, moi bo ambiente”, ao reunir deportistas e persoas afeccionadas de todas as idades.
A proba terá lugar por un circuíto urbano, dentro do núcleo da vila termal, co obxectivo de que as persoas que participen atopen os puntos baliza do percorrido no menor tempo posible. As rúas da vila termal, así, converteranse nun gran circuíto cheo de retos. A peculiaridade desta proba é o seu carácter urbano e desenvolverase sen cortes de tráfico, o que esixe a todas as participantes respectar as normas viarias como peóns, unha condición que engade un compoñente adicional de responsabilidade e desafío á competición.
O Tenente de Alcalde fai unha chamada a que veciñanza e visitantes gocen dunha xornada única chea de emoción e aventura tomando parte da carreira, xa que a orientación é ademais dun exercicio físico, unha disciplina que fomenta a concentración, o traballo en equipo e o respecto pola contorna urbana. Fariña subliña que pode practicarse sen coñecementos previos sen máis material que roupa e calzado deportivo cómodo para camiñar ou correr. Neste caso a organización proporciona o mapa, o compás e a tarxeta ou pinza que indicará a picada en cada baliza. “É unha nova oportunidade única para coñecer e gozar de Caldas de Reis e de todos os recunchos marabillosos que temos. As edicións anteriores foron fantásticas en canto á participación e agardamos nesta ocasión volver cumprir as expectativas”, destaca o nacionalista.
As persoas que queiran participar poden facelo de maneira individual ou por grupos (ata catro participantes por equipo). As categorías son “xestiñas”, para crianzas, cunha proba sinxela física e tecnicamente de menos de 3 quilómetros en total; “xestas”, unha categoría para persoas adultas, con nivel físico e técnico medio e menos de 4 quilómetros en total; e “xesteiras”, para persoas con coñecementos de orientación medios e altos e nivel físico e técnico alto (de máis de 5 quilómetros en total).
As saídas serán graduais no tempo para garantir que non haxa influencia entre participantes á hora de chegar a cada sinalización, debendo completar o percorrido en orde dende a saída ata a meta sen equivocarse. Ao rematar a proba pódense consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa-guía.
As inscricións –totalmente de balde- aínda están abertas na seguinte páxina web.