ÚLTIMOS VENRES DE MES DE XANEIRO A MAIO
Os Cantos de Taberna regresan este venres 31 a Pontevedra, no barrio do Burgo, da man de Maravallada
Pontevedra, 29 de decembro de 2025. O concelleiro Demetrio Gómez, acompañado do presidente da AC Maravallada Manuel Espiño, presentou a que será a 12a edición dos Cantos de Taberna que botará a andar este venres 31 no barrio do Burgo ás 21h. no bar Breogán para continuar no Balixas ata as 24h.
Como acontece nas últimas edicións, a actividade que inicalmente tiña lugar exclusivamente no centro histórico, por mor da demanda dos hostaleiros/as chegará tamén a outros lugares da cidade.
“Voltan os Cantos de Taberna os últimos venres dos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio, de 21h. ata 24h. “Amais de encher Pontevedra dunha actividade alegre e divertida da que todos saímos con moi boa cara, é unha colaboración moi interesante entre a AC Maravallada e algunhas empresas desta cidade”, comentou o edil, que tamén quixo salientar que hai canteira e agroman grupos novos para acompañarnos.
O Presidente da AC Maravallada, Manuel Espiño, afirmou que “xa van con este 12 anos de Cantos de Taberna e agardamos seguir moitos máis. Empezamos con algo de medo, a cousa foi fenomenal e podemos dicir que é un éxito rotundo na cidade. Un apoio da xente marabilloso e como dicía Demetrio tamén, facendo canteira con grupos novos que están saíndo a raíz de nós empezar con todo isto. Por outra banda, creo que somos os primeiros do país que facemos Cantos de Taberna durante tantos meses porque o normal e o típico e facelo nunha data, un día concreto. Nós estaremos do inverno ata a primavera.
Programa
- Venres 31 de xaneiro no Breogán e no Balixas, con Maravallada.
- Venres 28 de febreiro, na NASA e O Noso bar con Maravallada e o grupo de Bueu “Vento Mareiro Forza 5”.
- Venres 28 de marzo no Bogotá e A horta do cura, pola zona de Joaquín Costa, con Maravallada e o grupo de Cangas Peis d ́hos.
- Venres 25 de abril na Adega dos avós e O chato, bares ao carón do Centro Histórico, con Maravallada e o grupo pontevedrés Sons das Corbaceiras.
- Venres 30 de maio no Moderno e no Forno e con Maravallada e outro grupo formado na cidade: Sons da Pedreira.”
Espiño fixo un chamamento final á xente para “que sigan vindo aos Cantos, que habitualmente son bastante masivos pero queremos que a xente veña a cantar, para o que, coma sempre, se repartirán as letras.