Prezero, aspira a xestionar o novo contrato de residuos do Concello de Pontevedra

Raimundo
Raimundo
Prezero, aspira a xestionar o novo contrato de residuos do Concello de Pontevedra

Pontevedra, 29 de xaneiro de 2025. O concelleiro de Contratación, Raimundo González Carballo informou que unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas para o contrato de residuos, pechouse coa oferta da empresa Prezero, que é a que presta o servizo na actualidade. 

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra está convocada para o vindeiro luns, 3 de febreiro, e analizará a documentación administrativa (solvencia económica, representación...). Ao tempo, tamén se abre o sobre B na que aparece a oferta técnica da empresa: explotación do servizo: medios humanos, plan de prevención de ricos, de formación do persoal, organización do servizo (rutas, zonificación, programación de motivación social e información cidadá...). 

Unha vez elaborado o informe técnico sobre esta parte da licitación, convocarase a seguinte mesa de contratación para coñecer a oferta económica, onde amais da súa solvencia económica se inclúen as melloras do servizo. 

Finalmente, a proposta da Mesa de Contratación elevarase á Xunta de Goberno para a súa aprobación e requirir a documentación á empresa. Tamén se abrirá un período de 15 días de recurso en materia contractual. 

Raimundo González indicou que nestes meses dende que quedou deserta a primeira licitación até a actualidade "seguín detectando -por algún tipo de reunión con representantes do sector- unha resistencia ao cumprimento dos obxectivos marcados pola lei de residuos". A súa afirmación está baseada "en que me dixeron expresamente en que en ningún contrato estamos asumindo riscos e aquí, tal como informa incluso a ONE, hai risco, hai risco operacional, pero é así como funciona o mercado". 

"O sector está acostumado a unha retribución determinada e, por tanto, aínda segue habendo certas resistencias. E pola nosa parte xa dixemos que os obxectivos medioambientais para este Concello son irrenunciables, quere dicir, que nós non estamos dispostos, aínda que houbera que estar prorrogando o contrato", explicou o concelleiro que concluíu que "evidentemente non é ningún fracaso, nin moito menos, senón que é un proxecto dun calado moi forte que pode ter un solo licitador, pero a min o que máis me preocupa non é a cantidade senón que o proxecto que presenta sexa potente e que cambie realmente o futuro da recollida de residuos neste concello". 

Prezero, aspira a xestionar o novo contrato de residuos do Concello de Pontevedra