Lores expón en Porto os puntos chave da transformación urbana e social de Pontevedra
Pontevedra, 30 de xaneiro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou unha palestra na Católica Porto Business School, pertencente á Universidade Católica Portuguesa, baixo o paraugas da conferencia ‘Educação, Imigração e Qualidade de vida. Que caminhos?’ . Trátase do maior ciclo de conferencias sobre sustentabilidade, promovido polo Jornal de Negócios por quinto ano consecutivo.
O rexedor da cidade conversou co director de contidos e proxectos especiais de Medialivre, Carlos Marçalo, partindo da idea ou pregunta base ‘Como viver melhor nas cidades?’. O diálogo entre ambos os dous tivo como protagonistas as distintas políticas postas en marcha na vila pontevedresa ao longo dos últimos 25 anos, e que sempre tiveron como obxectivo poñer as persoas no centro a través da recuperación do espazo público.
O público do auditorio puido coñecer de primeira man as distintas decisións que o BNG foi tomando, ao longo dos anos, co obxectivo de transformar Pontevedra e convertela nunha referencia en distintos ámbitos.
“As cidades deben ser estudadas, deben ser coñecidas, é imprescindíbel para melloralas; por iso cando chegamos ao Goberno, alá polo ano 1999, tiñamos os deberes feitos xa que queríamos cambiar o paradigma da nosa cidade, cambiar os coches polas persoas”, sinalou ao inicio da conversa.
“Hai que ser valente nas decisións políticas. Os tráficos innecesarios dunha cidade son molestos e xeran problemas de convivencia. Pontevedra redescubriu o seu centro histórico cando quitamos os coches das súas rúas e das súas prazas. A veciñanza é intelixente, sabe cando o resultado é beneficioso para ela”, indicou. “Seguimos mellorando, seguimos transformando. Non acabamos, nunca se acaba. O modelo de Pontevedra é un modelo vivo, por iso seguimos estudando e tomando decisións, por iso tratamos de que todas as persoas teñan exactamente a mesma calidade de vida”.