salcedo
Novas
Visita pavimentación acceso campo de fútbol de Salcedo

A mellora do acceso ao campo de fútbol de Salcedo completa o novo complexo deportivo e recreativo para a parroquia

Pontevedra, 10 de xullo de 2026. Os traballos para acondicionar o acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo atópanse hoxe en plena execución coa pavimentación do viario e foron supervisados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira do Rural, María Xosé Abilleira.

A intervención supón a pavimentación dunha pista de 700 metros de lonxitude que abarca unha superficie de 5.660 metros cadrados. Os terreos sobre os que se executa a mellora do firme foron cedidos de xeito gratuíto e indefinido ao Concello pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, co obxectivo de optimizar a seguridade viaria e a funcionalidade do acceso.

Durante a supervisión, Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción pola envergadura deste proxecto: "Estamos hoxe visitando os accesos ao campo de fútbol de Salcedo, que se rematou no ano 2025 cunha inversión moi potente de preto de dous millóns de euros. Agora mesmo o que estamos facendo son os accesos, que son unha pista de 700 metros de longo á que só lle falta un tramo pequeno por asfaltar no inicio vindo de Salcedo".

O alcalde subliñou que a obra dota á parroquia de «un acceso digno» e agradeceu a implicación social: "Quero felicitar e agradecer á Comunidade de Montes, que foi a que cedeu estes terreos, onde antes se situaba o campo de tiro da Brilat. É unha zona marabillosa que eu lle recomendo a todos os pontevedreses que se acheguen a vela porque é para estar unha tarde, para pasear cos amigos e para que os nenos coñezan a historia tamén de Salcedo e desfruten dos espazos naturais que temos a tres quilómetros da cidade".

A pavimentación do camiño en Salcedo inclúese dentro do macrocontrato municipal de rehabilitación de firmes, un plan estratéxico que mobiliza un investimento total de 4.444.436 euros para actuar en case 40 quilómetros de estradas (191.304,5 metros cadrados) de todo o termo municipal.

Ler novas
Novas
tito-1-2

Os camiños escolares chegan ao rural

A filosofía dos camiños escolares e o calmado de tráfico estenderase en breve á contorna dos colexios do rural, tal e como confirmou o concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gòmez, ao presentar tres proxectos de calmado de tráfico e deseño de rutas de preferencia peonil para os CEIP San Bieito de Lérez, A Carballeira de Lourizán e San Martiño de Salcedo.

Ler novas
Novas

Nucleo de centralidade de Salcedo

Doce empresas, todas elas galegas, compiten polo proxecto de consolidación do núcleo de centralidade de Salcedo. As novas actuacións acometeranse ao redor do eixo formado pola Casa da Xunta de Montes, a Casa Verde (centro social), o parque infantil e a igrexa. Delas nove son da provincia de Pontevedra, dúas de Ourense e unha de A Coruña.

Vaise proceder á integración paisaxística e funcional deste equipamentos. Os traballos a desenvolver faranse cos parámetros de calidade urbana que se están a implantar en toda a cidade. Entre as actuacións previstas está a construción dun auditorio ao ar libre entre a Casa da Xunta de Montes e a Casa Verde, que terá cabida para máis de 700 persoas, se fose o caso. Estas actuacións teñen un orzamento global de 397.398,51 euros.

O proxecto, que ascende a case 400.000 euros, inclúe un auditorio aberto para máis de 700 persoas

O proxecto elaborado pola oficina de arquitectura municipal e que conta co apoio do movemento asociativo da zona contempla tamén retranquear o viario actual.

Ademais todo este ámbito complétase cun parque infantil e unha pista de petanca, xa instaladas pola comunidade de montes, e que se complementarán cun parque biosaudábel e unha pista de chave que pretende crear o Concello para completar este núcleo de centralidade parroquia que terá as características dunha zona plenamente urbana cos deseños e calidades urbanos, pero adaptados ao un núcleo rural como xa se realizou noutros ámbitos como en Cabaleiro, na parroquia de Campañó.

Ler novas