As obras de Marcón e Salcedo, modelo a estender a toda a provincia
Pontevedra a 4 de maio. O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, visitou hoxe, xunto co alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e os concelleiros Demetrio Gómez e Raimundo González as obras de mellora executadas nas estradas Marcón-Campo Santo e A Ruibal-Salcedo con cargo aos fondos da Deputación. Estas actuacións incluíranse no convenio asinado entre o organismo provincial e o Concello de Pontevedra do ano 2013. A diferenza do que ocorre con outros convenios, o proxecto destas obras redactouno o Concello de Pontevedra, e o resultado que hoxe vemos aquí é un novo modelo de facer as cousas no que Pontevedra é un gran exemplo, dando prioridade á seguranza viaria, á accesibilidade e á mobilidade peonil. É unha liña que, no cambio brutal que estamos facendo no servizo de Mobilidade da Deputación, queremos tomar e estender ao resto da provincia, asegurou o deputado.
As actuacións realizadas abranguen aproximadamente un quilómetro de cada unha das vías e prevese o que resta se poida executar antes de finalizar o ano. A previsión orzamentaria investida (240.000 euros no caso de Salcedo e de 184.000 euros no caso de Marcón) serviu para acometer os treitos das vías xeograficamente definidos entre Rosalía de Castro e A Ruibal (Salcedo) e dende o inicio da estrada de Marcón ata a ponte do río.
UXÍO BENÍTEZ: As obras Marcón e Salcedo son un exemplo do "Modelo Pontevedra" que queremos estender na provincia
A antiga Pedra do Lagarto era unha antiga vía provincial (EP-0003) que foi transferida ao Concello de Pontevedra no ano 2008. Antes do seu traspaso aplicóuselle unha capa de rodadura que presentaba moi mal estado. Os traballos consistiron na rehabilitación estrutural do firme e na mellora da seguranza viaria coa instalación de redutores de velocidade e a reposición da sinalización vertical e horizontal coa delimitación de zonas 30.
Por outra banda, no caso da vía de A Ruibal-Salcedo actuouse nun treito dun quilómetro de lonxitude que presentaba problemas de fendas e roturas. Ademais de facer saneos profundos da capa de rodadura nas zonas máis afectadas, construíronse novos sobreanchos nas zonas de curva, así como unha rede de drenaxe tanto lonxitudinal como transversal, con máis de 250 metros lineais de tubaxes profundos baixo o firme, así como máis de 160 metros de cunetas revestidas en formigón.
Por outra banda, a mellora da seguranza viaria e da mobilidade peonil foron outro dos eixos desta actuación. Neste sentido, instaláronse catro redutores de velocidade de tipo trapezoidal, así como sinalización tanto horizontal como vertical de limitación de velocidade. Estes traballos de calmado do tráfico foran requiridos de forma insistente por parte do Consello Parroquial de Salcedo para solucionar os problemas xerados pola circulación rodada na zona.