27 E 28 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA
Pontevedra acolle unhas xornadas de formación sobre crianzas con altas capacidade

Pontevedra, 19 de marzo de 2024. O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, acompañado de Nadia Lamarca e Tamara Campos, representantes da Rede Cría (Crianza Respectuosa Informada e con Apego), presentou unha nova actividade de formación que se desenvolverá na cidade en relación coa atención educativa das crianzas con altas capacidades.
Trátase dunha actividade a desenvolver no Pazo da Cultura, nos días 27 e 28 de abril —en diversas sesións de mañá e tarde—, "coa que se pretende ofertar unha formación especializada a profesionais da educaciónpara que os nenos e nenas con altas capacidades teñan a atención que merecen e que neste intre non están a ter", indicou Gómez.
O curso de formación estará conducido por Yolanda López Iglesias, psicopedagoga especializada en altas capacidades, e máxima especialista no Estado sobre este asunto. "Este tipo de formación vai ser unha das primeiras que se oferta na Galiza e é realmente interesante para todas as persoas que teñen que traballar con estas crianzas nas aulas. Recomendamos que se inscriban na actividade e se formen neste eido encarecidamente". Todo profesional interesado en participar nestas xornadas pode inscribirse no enderezo electrónico [email protected].
Pola súa banda, Nadia Lamarca lembrou que a falta de formación á hora de traballar con crianzas con altas capacidades propicia situacións negativas á hora de identificalos e acompañalos durante o seu crecemento e formación, provocando un prexuízo moi grande nas familias e outras redes. Os estudos actuais indican que un 10 % da poboación podería ter altas capacidades, mais apenas se identifican un 0,61 % dos casos na Galiza.
Este curso permitirá que "docentes, profesores e o persoal de benestar social do municipio e da provincia poidan formarte neste campo", explicou Lamarca. A formación ofertada a través do Concello de Pontevedra terá 200 prazas en total. As familias demandan asesoramento e ferramentas, pois é difícil saber como actuar no día a día, algo que se xunta co descoñecemento daqueles profesionais que os deberían estar asesorando, pero que carecen da formación adecuada, ocasionando unha problemática real e grande.