A mellora do acceso ao campo de fútbol de Salcedo completa o novo complexo deportivo e recreativo para a parroquia
Pontevedra, 10 de xullo de 2026. Os traballos para acondicionar o acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo atópanse hoxe en plena execución coa pavimentación do viario e foron supervisados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira do Rural, María Xosé Abilleira.
A intervención supón a pavimentación dunha pista de 700 metros de lonxitude que abarca unha superficie de 5.660 metros cadrados. Os terreos sobre os que se executa a mellora do firme foron cedidos de xeito gratuíto e indefinido ao Concello pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, co obxectivo de optimizar a seguridade viaria e a funcionalidade do acceso.
Durante a supervisión, Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción pola envergadura deste proxecto: "Estamos hoxe visitando os accesos ao campo de fútbol de Salcedo, que se rematou no ano 2025 cunha inversión moi potente de preto de dous millóns de euros. Agora mesmo o que estamos facendo son os accesos, que son unha pista de 700 metros de longo á que só lle falta un tramo pequeno por asfaltar no inicio vindo de Salcedo".
O alcalde subliñou que a obra dota á parroquia de «un acceso digno» e agradeceu a implicación social: "Quero felicitar e agradecer á Comunidade de Montes, que foi a que cedeu estes terreos, onde antes se situaba o campo de tiro da Brilat. É unha zona marabillosa que eu lle recomendo a todos os pontevedreses que se acheguen a vela porque é para estar unha tarde, para pasear cos amigos e para que os nenos coñezan a historia tamén de Salcedo e desfruten dos espazos naturais que temos a tres quilómetros da cidade".
A pavimentación do camiño en Salcedo inclúese dentro do macrocontrato municipal de rehabilitación de firmes, un plan estratéxico que mobiliza un investimento total de 4.444.436 euros para actuar en case 40 quilómetros de estradas (191.304,5 metros cadrados) de todo o termo municipal.