SÁBADO 18
Pontevedra acollerá a décima edición da Mini BTT e o primeiro XCO nos Montes de Salcedo
Pontevedra, 14 de abril de 2026. O vindeiro sábado 18 de abril, a parroquia pontevedresa de Salcedo converterase no epicentro galego do ciclismo de montaña. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o representante do Club Ciclista Farto, Ramón Farto, presentaron unha xornada deportiva que incluirá a tradicional Mini BTT pola mañá e, como gran novidade, a celebración do primeiro XCO (Cross-Country Olympics) nos Montes de Salcedo pola tarde.
O evento está organizado polo Club Ciclista Farto e conta coa estreita colaboración do Concello de Pontevedra e da Comunidade de Montes de Salcedo. Durante a presentación, Anabel Gulías destacou que, alén da propia competición deportiva, o obxectivo é "pór en valor unha das nosas maiores riquezas neste concello, que é o noso patrimonio natural e o noso patrimonio forestal". A concelleira quixo agradecer especialmente o traballo e a "pelexa constante" da Comunidade de Montes para manter o monte vivo e en condicións dignas para a veciñanza, así como o esforzo do Club Farto por promover o respecto pola natureza entre as novas xeracións.
A xornada arrancará ás 10:00 da mañá coa celebración dos 10 anos da Mini BTT Montes de Salcedo. Esta proba está enmarcada no calendario galego e diríxese a rapaces e rapazas de ata 14 anos, nas categorías benxamín, promesa, principiante e alevín (masculino e feminino).
Pola tarde, ás 15:00 horas, será a quenda do primeiro XCO. Trátase dunha proba máis rápida, vistosa e competitiva, concibida para ciclistas a partir dos 15 anos e que abranguerá as categorías infantil, cadete, júnior, sub-23, élite e másters.
Ao tratarse de probas de nivel galego que desprazan a clubs de toda Galiza, a organización estima un grande éxito de convocatoria: agárdase rondar os 400 corredores na Mini BTT e uns 250 participantes no debut do XCO.
Dende a organización convidan a toda a cidadanía a achegarse este sábado a Salcedo para gozar dun día de "natureza, deporte e aventura", onde ademais do grande espectáculo deportivo, os asistentes poderán gozar da contorna e do parque etnoarqueolóxico.