300 estudantes de Pontevedra participan nos obradoiros para acceder ao portugués a través do galego
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración coa Asociación Galega da Lingua (AGAL), ofrece aos centros educativos a posibilidade de realizar os obradoiros OPS! O galego a nosa vantaxe.
Os obxectivos fundamentais desta actividade son poñer en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que a infravaloran, e mostrar a vantaxe de falar galego para poder comunicarse co mundo da lusofonía: de Portugal ao Brasil.
De aquí ao Nadal máis de 300 estudantes de ESO e bacharelato participarán nestes obradoiros; aprenderán, ao longo de dúas horas lectivas, que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, sabendo falar galego teñen unha clara vantaxe competitiva.