O Concello de Pontevedra recupera o Campo da Bouza de Santo André de Xeve
O Concello de Pontevedra iniciou nestes días os traballos de recuperación do parque do Campo da Bouza, na parroquia de Santo André de Xeve. O concelleiro delegado da parroquia, Miguel Filgueira e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro visitaron as obras e mantiveron unha reunión cos veciños para explicarlles como se sucederán os traballos.
Con esta actuación preténdese a recuperación deste punto de encontro dos veciños e veciñas de Santo André dándolle a condición de punto de centralidade parroquial ao instalar un parque infantil, unha zona de deportiva e recuperar elementos patrimoniais que hai na zona.
O Campo da Bouza, situado na estrada xeral a Campo Lameiro (pasado o colexio de Xeve) será recuperado cun orzamento duns 100.000 euros e está previsto o arranxo do lavadoiro e da fonte do lugar, instalarase mobiliario urbano para o descanso dos veciños e veciñas, un parque infantil e unha zona polideportiva para xogar fútbol sala ou baloncesto.
Ademais, faránse traballos de xardinería como a poda dos plátanos ou carballos desta arboreda e se cambiará toda a iluminación do parque.
Aínda que os traballos dependerán da meteoroloxía, estes poderían estar rematados a final de ano.