Unha campaña do BNG demanda o mantemento das frecuencias do transporte público en Moraña
Moraña, 1 de xuño. O BNG vén de presentarlle á empresa Monbus S.L., que realiza as liñas de transporte público no concello de Moraña, 200 sinaturas de veciñas/os usuarios demandando o mantemento das frecuencias e melloras no servizo.
Nas últimas semanas dende o BNG iniciamos unha campaña explicativa de denuncia desta situación, xa que o noso concello perdeu o 50% de liñas de transporte público nos últimos 10 anos, quedando reducidas actualmente a só as seguintes frecuencias de luns a venres (na fin de semana non hai ningunha):
Moraña-Santiago: ás 7:05 e ás 15:30h
Santiago-Moraña: ás 12:00h, 18:30h e 20:45h.
Cuntis-Moraña-Pontevedra: ás 7:15h, 10:10h e 18:30h
Pontevedra-Moraña-Cuntis: ás 12:15h, 16:30h e 20:00h.
A situación agravouse xa que no mes de abril a empresa suprimíu de xeito fulminante unha das liñas máis usadas, sobre todo polo alunado da USC, a liña Santiago-Moraña-Pontevedra das 15:30h o que motivou esta recollida de sinaturas. Dende o BNG valoramos moi positivamente esta campaña xa que, a pesar de realizala na súa maioría nas nosas redes sociais e web foron moitos os usuarios deste servizo os que contactaron con nós e que asinaron estas demandas que vimos de enviar mediante carta á empresa.
Lembramos así mesmo que esta problemática tamén se debatirá mañá no pleno municipal ordinario grazas á moción presentada polo BNG.