O PP vota en contra dunha iniciativa do BNG para resolver os problemas das enchentes en Cuntis
A parlamentaria do BNG, Carme Adán instou á Xunta, a través dunha proposición non de lei na comisión de Ordenación do Territorio, a iniciar as accións necesarias para resolver as enchentes no concello de Cuntis provocadas polo caudal que baixa polo río Gallo e que afecta gravemente ás vivendas e negocios.
A deputada lembrou que no ano 2011 foi aprobado o Plan Umia cun investimentos, entre os anos 2011-2015 de 22 M nos concellos de Caldas de Reis, Moraña e Cuntis en compensación pola construción do Encoro de A Baxe, plan que prevía actuacións para un encoro en óptimas condicións. A día de hoxe, dixo a nacionalista, a única obra realizada é un Tanque de Tormentas no que se investiron máis de 100.000 euros e cuns resultados lamentábeis.
Por outra parte, dixo, a corporación municipal de Cuntis acordou en pleno solicitar unha xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente para tratar os problemas das inundacións na vila e realizar un estudo serio sobre as enchentes. Trala reunión, o director e subdirector descoñecían a situación polo que o alcalde e as forzas políticas representadas no concello de Cuntis trasladaron aos grupos parlamentarios as súas demandas.
A deputada instou á Xunta a realizar actuacións urxentes na conca do río Gallo, limpar a conca do río e mellorar as obras de saneamento no Concello de Cuntis e preguntou como foron investidos os 22 millóns de euros do Plan Umia.
Pola súa parte, o portavoz popular, Jesús Goldar afirmou que xa existe un plan para dotar a Galiza de instrumentos para a xestión de riscos durante o ano 2017 e unha das prioridades do plan foi diagnosticar as areas de perigosidade de risco alto entre as que se encontra a Umia.
Na replica, Carme Adán reiterou que son os propios veciños e veciñas e a corporación municipal os que demandan medias concretas para resolver as enchentes en Cuntis e a Xunta só nos responde que xa se está a facer cando é falso xa que nin sequera están contempladas no Plan de xestión de inundacións.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.