Despilfarro en Barro
Barro. 24 de febreiro de 2015. Na xestión municipal o uso que se lle debe dar tanto aos cartos como aos edificios e equipamentos públicos é aquel ao que se lle saque maior proveito social e máis posibilidades de uso por parte dos veciños e veciñas.
Por iso no BNG non estamos de acordo co traslado das oficinas municipais para o que ía ser Casa da Cultura e edificio multiusos. Ese edificio, que se leva construíndo case 20 anos, xa naceu mal. Sen proxecto e sen orzamento previo, foi un saco sen fondo de gastar diñeiro. Houbo que reformalo internamente varias veces e, ao final, o goberno do PP, ao ser incapaz de conquerir as dotacións necesarias para os fins sociais, decidíu destinalo para o que non estaba previsto.
Xa fai catro anos que se investíu outro medio millón de euros en acondicionar o primeiro andar co obxectivo de trasladar para alí a oficina de servizos sociais e a biblioteca municipal, un traslado que o BNG apoiou xa que estaban nunhas condicións lamentábeis. O que non estaba previsto é o uso que agora decidíu o PP: trasladar a oficina de servizos sociais e todas as oficinas municipais, esquecéndose da biblioteca e a Casa da Cultura.
Barro ten unha carencia absoluta de equipamentos socio-culturais. Por iso dedicar este edificio a oficinas municipais é un verdadeiro despilfarro de cartos públicos.