A Deputación volve discriminar ao concello de Barro
De todos é coñecida a carencia de instalacións e equipamentos deportivos que ten o concello de Barro.
As persoas que practican o futbol en Barro teñen que facelo en vellos campos de terra nos que resulta difícil a práctica do deporte nunhas boas condicións.
Nos últimos anos a Deputación construíu campos de herba sintética na maioría dos concellos da provincia, mesmo en concellos pequenos como o noso que contan con campos de herba natural, pero Barro quedou á marxe.
Gustaríanos saber que lle fixeron os nenos e nenas, a xente moza e os veteranos que pratican o futbol en Barro ao Presidente da Deputación para que os discrimine a respecto dos outros concellos da provincia.
Non é fácil explicarlle aos nenos e nenas que van xogar os seus partidos a outros concellos, e ven que alí teñen unhas instalacións modernas, que eles non teñen o mesmo dereito a disfrutar dunhas instalacións iguais.
No BNG somos conscientes de que non estamos no mellor momento para facer equipamentos deste tipo, e que as prioridades de investimentos deben ser outras.
Non obstante, o Presidente da Deputación ven de anunciar a súa intención de construir novos campos de herba sintética mesmo en parroquias de concellos que xa contan con campos destas caracteristicas, mentres se sigue a discriminar os veciños e veciñas de Barro.
O BNG insta ao Presidente da Deputación a que teña en conta ao concello de Barro á hora de construir novos campos de herba sintética, porque os seus veciños e veciñas de Barro tamén teñen dereito a contar cunhas instalacións deportivas dignas como no resto dos concellos da provincia.