O BNG reclama un convenio entre o Concello e a Cultural Deportiva Portas
Portas, 25 de marzo de 2013. O BNG presentou no rexistro do concello de Portas un escrito solicitando a celebración dun pleno extraordinario para tratar os seguintes asuntos:
- Elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de subvencións e frear as prácticas irregulares do grupo de goberno.
- Sinatura dun convenio de colaboración entre o concello e a Cultural Deportiva Portas.
Durante décadas, a C. D. Portas ven realizando labores de formación e promoción no campo do deporte e a cultura que lle corresponderían ao concello, sen embargo este, en lugar de colaborar coas asociacións que suplen as súas carencias, dedícase a asfixialas e desprezalas.
A día de hoxe, a C. D. Portas é o único sustento do deporte de base en Portas (escolas deportivas de fútbol, tenis e xadrez, e seccións inferiores de fútbol pre-benxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís, así como xadrez), pero non recibe do concello nin o recoñecemento merecido nin os recursos mínimos imprescindibles para desenrolar as súas actividades.
O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Concello de Portas asine de forma urxente un convenio de colaboración coa C. D. Portas que garanta o mantemento do deporte base no concello.
Os constantes e reiterados incumprimentos por parte do concello cos compromisos adquiridos coa C. D. Portas están a poñer en perigo a súa viabilidade e supervivencia. O BNG de Portas considera que a solución pasa por recoñecer e satisfacer a débeda contraída coa C. D. Portas e asinar un convenio de colaboración que estabilice a asociación, garantindo que os rapaces e rapazas de Portas poidan seguir recibindo unha formación deportiva e cultural de calidade e igualitaria con independencia dos recursos económicos das súas familias.
O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Concello de Portas asine de forma urxente un convenio de colaboración coa C. D. Portas que garanta o mantemento do deporte base no concello.