O Concello de Pontevedra estuda os restos dunha posíbel torre medieval en Campañó
Pontevedra, 19 de abril de 2013. A Concellaría de Patrimonio Histórico está a estudar un achádego arqueolóxico descuberto no Monte de Campañó durante uns traballos de desbroce para o acondicionamento dun roteiro polo patrimonio histórico da parroquia, no que estarán incluídos os muíños de Cons.
O concelleiro Luís Bará xunto a outros técnicos municipais visitaron esta mañá estes achádegos que se descubriron a consecuencia do traballo de recuperación do patrimonio do rural grazas a impliación que están a ter as entidades sociais, resaltaba Luís Bará, quen explicou que nos últimos meses se descubriron novos bens arqueolóxicos en Campañó, Mourente, Salcedo ou Lourizán.
No caso de Campañó, apareceron os restos dunha torre e outras estruturas. Estanse a facer uns traballos preliminares que se completarán con outros estudos inminentes, como un levantamento topográfico ou unha nova campaña de limpeza para coñecer a estensión exacta do achádego e poder traballar con comodidade.
Entre as hipóteses que se están a barallar, é que esta torre podería ter que ver cun sistema de vixiancia de defensa do territorio de feito, está nunha zona alta-, que controla o val polo que transcurre o Camiño de Santiago, e podería estar en contacto visual co castelo de Cedofeita, e vencellado á torre do Castrove co propósito de evitar invasións do territorio.
Segundo as primeiras pesquisas, podería estar datado dos inicios da Idade Media (séculos IX-X-XI) momento no que se produciron as invasións. De todos os xeitos, tamén se descubriron materiais modernos (ladrillos, por exemplo), o que permite pensar que tivo outro tipo de usos.
Luís Bará apuntou que se continuarán cos estudos, e en función do seu valor, farase unha catalogación destes restos, dar conta á Xunta, e incluilos no Catálogo de Bens Patrimoniais do Concello de Pontevedra.
O concelleiro de Patrimonio Histórico asegurou que nos montes de Pontevedra hai moitos máis bens agardando ser descubertos, e agradeceu a colaboración veciñal sen a cal sería imposible facer este labor.