Pontevedra mellora os seus xardíns
O Departamento de Parques e Xardíns que dirixe Anxos Riveiro está a acometer nestes días a mellora das xardineiras da avenida de Montero Ríos, situadas no noiro da Alameda para que a súa composición sexa acorde cun espazo de especial interese histórico e paisaxístico como é a Alameda e todos os xardíns das Palmeiras, que reciben, ademais, unha grande afluencia de público.
O departamento seguiu varios criterios á hora de axardinar estes espazos: colocación de plantas perennes con certa resistencia ao sol dado que se trata dun espazo exposto; con variedade cromática, buscando especialmente, encher de cor este ámbito durante a primavera, verán e parte do outono; e escollendo especies que supoñan un tratamento menos custoso que o actual.
Os traballos comezaron pola limpeza de cada un dos parterres retirando elementos de formigón instalados neles e que dificultaban o crecemento dalgunhas das plantas, tanto as anteriores como as novas que se van plantando. A segunda parte do traballo complétase coa propia plantación.
Parques e Xardíns escolleu plantas perennes de floración duradeira, facendo unha composición de cores e especies. Estanse a plantar azaleas en cores fucsia e branco; margariteiros amarelos (euryops); e echium fastuosum que ten unha floración en forma de espiga de cor azul. Enmarcadas todas elas nun contorno de buxos (teucrium) de cores verdes e grises.
As especies escollidas permiten dar máis colorido a esta zona, levando a calidade paixaxística dos Xardins de Vicenti até a Alameda, integrándoo de xeito máis acorde nese ámbito catalogado. Tamén terán unha floración bastante prolongada, e ao tratarse de plantas perennes o seu mantemento é relativamente baixo, fronte ás especies de temporada e ao céspede que había até agora.