O BNG rexeita, por agresiva, a alternativa escollida por Fomento para o enlace da A-57 en Curro
Barro, 14 de marzo de 2013. A alternativa 3, escollida polo ministerio de Fomento para enlazar a A-57 en Curro é, sen lugar a dúbidas, a máis agresiva, cun forte impacto na parroquia.
De levarse a cabo esta alternativa, que mete a autovía polo medio das casas e atravesa o cruce de Outeda, botaría por terra todos os intentos de mellorar o tránsito peonil e a seguranza viaria nun punto neurálxico da parroquia tanto para o tránsito de vehículos como o tránsito de peóns.
O BNG defende que o enlace da A-57 co nó de Curro se realice segundo o contemplado nas alternativas 5 e 6 (enlace da autovía do Salnés coa autoestrada), ou sexa, alonxando a autovía do medio das casas e non hipotecando a necesaria mellora da seguranza viaria no cruce de Outeda, unha vella reivindicación tanto dos colectivos veciñais como do BNG.