O BNG critica a PP e PSOE pola súa demagoxia a respeito do crematoria da Reigosa

O BNG critica a PP e PSOE pola súa demagoxia a respeito do crematoria da Reigosa

O BNG quere criticar a actitude do alcalde de Ponte Caldelas a respeito da instalación dun crematorio no polígono da Reigosa. Teñen razón os veciños cando o acusan de mentirlles e enganalos ao asegurarlles que para alí non iría ningún crematorio.

O BNG considera que Perfecto Rodríguez non é parvo e sabía perfectamente que se unha empresa cumpre con todos os requisitos legais non podería impedir a súa instalación. A concesión de licenzas é -e así debe ser- unha materia regrada e non arbitraria.

Que pretendía o alcalde ocultándolle aos veciños que había desde maio de 2014 unha petición para a instalación dun crematorio no polígono da Reigosa? Estaría agardando a que se retrasasen os permisos da Xunta coa esperanza que estes chegasen despois das eleccións municipais, amosando así que a súa preocupación non son os veciños, senón o custe electoral que lle podería carrexar a concesión desa licenza?

Non deixa de ser curioso que Perfecto Rodríguez reproche -e con razón- a actitude do voceiro do PSOE ao que acusa de “confundir e crear barullo e alarma social totalmente inxustificada”, cando recentemente el fixo o mesmo co tema da planta de compostaxe, que se pretende instalar na parroquia pontevedresa de A Canicouva, que é un proceso natural e inocuo que non ten nada que ver coa actividade dun crematorio.

Lembremos que neste tema o alcalde mantivo unha actitude claramente demagóxica afirmando que se ía poñer ao lado dos veciños, facendo o que eles quixeran. Que vai facer agora que os veciños non queren o crematorio?

A actitude irresponsábel do PSOE

Mentres, o PSOE, a través do seu portavoz, Andrés Díaz, continúa na mesma tónica que o caracterizou todo o mandato: a irresponsabilidade, a mentira e a demagoxia.

Así, ao longo destes anos sementou dúbidas sobre a actuación dos funcionarios do Concello a respeito do contrato con Aquagest e, mais recentemente, coa súa ignorancia e as súas mentiras a respeito da planta de compostaxe que se pretende instalar na veciña parroquia de A Canicouva.

Tócalle agora arremeter contra a instalación dun crematorio no polígono industrial, cando sabe -ou debería saber- que a normativa urbanística llo permite. Non se pode ser máis demagogo nin máis arbitrario.

 

O BNG critica a PP e PSOE pola súa demagoxia a respeito do crematoria da Reigosa