Moraña aproba os orzamentos co único obxectivo de subirlle o soldo á alcaldesa
O PP ven de aprobar, co apoio do PSOE, os orzamentos para o 2016. Uns orzamentos que non deixa de ser un mal e corta e pega de orzamentos anteriores, o que fala ás claras dun goberno paralizado, sen ideas e sen xestión. Neste orzamento as necesidades do concello fican no esquecemento e a única novidade salientábel é a suba do salario da alcaldesa en nada menos que un 455%.
Resulta cando menos curioso o apoio do PSOE a estes orzamentos, toda vez que criticou non só partidas específicas senón tamén a xestión do PP no Concello. Mais non é ningunha novidade, o PSOE ven aprobando os orzamentos do PP así como as contínuas modificacións de crédito que propón o PP, co único obxectivo de caciquear actuacións e obras.
As razóns da nosa oposición
- Son un mero corta e pega de orzamentos doutros anos, o que vén a indicar que temos un goberno municipal SEN IDEAS, SEN PREVISIÓN E SEN XESTIÓN. A rutina coa que se elaborou fai que non aparezan reflectidos no apartado de ingresos a cantidade de 447.617 que lle corresponde a Moraña no Plan Concellos 2016 que elaborou a Deputación de Pontevedra (unha cantidade, por certo que aumenta un 25% a respeito de anos anteriores).
- Continúa cunha política fiscal abafante cara aos veciños e veciñas de Moraña a través do catastrazo e das taxas municipais de saneamento e auga, con recibos de carácter retroactivo que están poñendo en moitas dificultades aos contribuíntes.
- Mantén un total esquecemento do rural. O rural de Moraña está nun estado de abandono e deixadez absoluto, e cos orzamentos que o PP ven de aprobar, non se vai revertir a situación, xa que non hai partidas directas de investimentos e dotación de servizos.
- Contempla unha suba do soldo da alcaldesa nun 4,55%, sen que existan argumentos que xustifiquen este incremento, máxime se temos en conta que o IPC en 2015 foi negativo.
Mais alén desta proposta de orzamento, neste mandato o PP está a rebaixar o nível de democracia e transparencia da xestión de goberno, ao decidir unilateralmente establecer a periodicidade dos plenos cada 2 meses, cando en Moraña sempre por norma, mesmo con outras maiorías absolutas, foi mensual para facilirar o labor de fiscalización das accións do goberno.