O BNG-Barro demanda un uso social do futuro auditorio do Centro de Servizos e Apoio Empresarial
Barro é dos poucos concellos da nosa comarca que carece dun espazo minimamente digno para a realización de actividades culturais. Isto leva aos distintos e variados colectivos culturais que existen no municipio a realizar as súas actividades nunhas condicións de extrema precariedade.
O BNG presentou en numerosas ocasións mocións demandando a construción dun centro cultural que dese resposta ás necesidades dos colectivos sociais, sen que desde o goberno municipal o PO se tomase nunca en serio dotar a Barro dun equipamento cultural acorde aos tempos que vivimos e ás demandas veciñais.
Recentemente a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a construción dun futuro Centro de Servizos e Apoio Empresarial no polígono industrial que leva incluído un auditorio de 170 m2. Este auditorio, con pequenas modificacións técnicas sobre o proxecto inicial, podería servir para albergar concertos, representacións teatrais e outras actividades impulsadas polas entidades culturais de Barro, mentres en Barro non se constrúa un equipamento cultural axeitado.
Por iso o BNG presentou unha moción para que o Concello solicite da Deputación a realización das modificación precisas no auditorio e a cesión do seu uso ás entidades culturais de Barro