290.000 euros para mellorar espazos públicos no Centro Histórico e Estribela
O Concello de Pontevedra acometerá, neste ano 2016, varias reformas e obras de rehabilitación no casco histórico e en Estribela a conta dos ARI. Estes fondos europeos teñen dúas liñas de subvención: unha para actuacións privadas (rehabilitación de inmobles) e outras para intervencións públicas.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á reforma integral das rúas Tristán de Montenegro e Pratería Vella, as dúas no casco histórico da cidade. Ademais tamén se mellorará o peche do xacemento arqueolóxico de Valentín García Escudero. Polo que respecta ao barrio de Estribela faranse obras de mellora na rúa do Mercado e actuacións pendentes e complementarias en Marqués de Valterra.
O portavoz do Goberno Local, Raimundo González Carballo, explicou que nas dúas rúas da zona monumental a reforma integral inclúe a rehabilitación da rúa por enriba e por abaixo e dicir meteranse servizos novos. Estas actuacións terán un custe de 88.643 euros no caso da rúa Tristán de Montenegro e de 92.653 euros no casa da Pratería Vella.
A instalación dun peche axeitado arredor do xacemento na praza de Valentín García Escudero ten como obxectivos pór en valor os restos arqueolóxicos sacados á luz hai unha década e mellorar un espazo público recuperado para á veciñanza. Esta actuación ten un custe previsto de 44.000 euros.
As inversións aprobadas pola Xunta de Goberno Local para o barrio de Estribela son de 24.800 euros para a rúa do Mercado e de 31.250 euros paras as melloras pendentes en Marqués de Valterra.