O BNG procura axilizar a tranferencia da AP9 e abaratar a peaxe
O BNG ven de dirixirse a todas as forzas políticas galegas e a todos os deputados e deputadas elixidas por Galiza no Congreso para axilizar a transferencia da AP-9, como ben de reclamar o Parlamento autonómico a través dunha lei aprobada por unanimidade a proposta do Bloque.
Pero ese texto lexislativo pode tardar até catro anos en ser debatido na Cámara baixa polo procedemento ordinario, que pode reducirse a tres meses se un grupo parlamentario asume como propia esa demanda e a presenta para o seu debate e aprobación en forma de proposición de lei.
Esa transferencia sería o primeiro paso para acabar coas abusivas peaxes que converten a AP-9 nun artigo de luxo para a maioría dos galegos e galegas, que non poden agardar tres o catro anos ao debate e aprobación no Congreso da transferencia que pedimos no Parlamento, explica a portavoz nacional, Ana Pontón.
Para conseguila o máis pronto posible o BNG remitíu unha carta a todos os responsables das forzas políticas, incluído Feijoo, así como a todos os deputados e as deputadas electas por Galiza, para que asuman colectivamente a defensa desta transferencia no Congreso e conseguir que se debata neste período de sesións.
Esta proposta permitiría igualmente certificar a coherencia co voto xa expresado na Cámara do Hórreo. Confiamos que non volvamos ver a vergoña de que iniciativas aprobas polo Parlamento galego logo son votadas en contra por forzas estatais, expresou a dirixente nacionalista.
Como argumentos para esta urxencia, Pontón cita os 300.000 euros diarios que se deixan os usuarios da AP-9, ou os 2.400 millóns de euros que leva ingresados Audasa e que terían permitido, por exemplo, ter unha rede de cercanías en funcionamento.
Esperamos que todas as forzas políticas estean á altura e que os intereses dos galegos e das galegas pesen sobre calquera estratexia de partido, porque non se entende que paguemos as peaxes máis caras soportando salarios máis baixos. É hora de acabar con esta estafa e non de cruzarnos de brazos a esperar, argumentou a tamén deputada. O BNG considera ademais que é un momento idóneo para debater esta demanda porque non hai maiorías absolutas de bloqueo en Madrid.