Pontevedra prepárase para un novembro moi feroz
Pontevedra, 25 de outubro de 2024. Ao mesmo tempo que a gala dos Premios Feroz está máis preto, a programación complementaria a este evento continúa o seu curso como unha carta de amor ao cinema e unha aposta clara pola cultura de base e aberta á cidadanía. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, fixo público o conxunto de actividades en relación cos Premios Feroz que se poderán gozar neste vindeiro mes de novembro.
Lores destacou desta programación a súa calidade e a súa diversidade, ao incluír mesas redondas e de debate, proxeccións de filmes con posteriores palestras desde unha perspectiva e análise feminista, clases maxistrais e mesmo un concerto da banda de música municipal centrado en bandas sonoras.
Porén, antes de afondar nas actividades que están por vir, Lores quixo subliñar o enorme éxito que tivo a primeira quenda de propostas durante o mes de outubro, cunha serie de proxeccións que captaron a atención da cidade e a súa xente, enchendo o salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación cada semana. “Foi un éxito total. Foi coma un tiro», recoñeceu o alcalde. «As películas proxectadas esgotaron entradas grazas a unha asistencia masiva en cada unha delas, deixando encantados aos seus directores. A realidade é que son películas complexas en boa medida, son atrevidas, e aínda así espertaron un enorme interese. A previsión é que Teresa, de Paula Ortiz, a derradeira proxección deste mes, tamén encha”.
O rexedor explicou que este novembro ademais de ter novas proxeccións, o programa amplíase en variedade a través de conferencias e clases maxistrais, e mesmo presentacións de investigacións universitarias. Ademais, Lores quixo adiantar en exclusiva que a presentación dos nomeamentos para a gala do vindeiro ano acontecerá en Pontevedra, nun acto público que se celebrará o 28 de novembro.
A edil Anabel Gulías repasou polo miúdo a listaxe de actividades, que é a seguinte:
• 6 de novembro, 12h - MESA DE DEBATE “MULLERES QUE CONTAN” na Facultade de CC. da Comunicación, con Sonia Méndez, directora de ‘As Neves’ e socia de Cósmica; Chelo Loureiro, produtora en Abano Producións; Sara Horta, produtora en Indígena Films. Modera: Uxía Caride, xerente de AGAPI.
• Proxeccións de cinema - Ciclo Perspectiva Feminista. Este ciclo consiste en analizar títulos míticos da historia do cinema español desde unha perspectiva feminista: roles dos personaxes femininos, historias, aspectos formais... Trátase de poñer sobre a mesa como as películas tamén contribuíron a construír o imaxinario sobre o que se sustenta a sociedade heteropatriarcal, independentemente da súa calidade cinematográfica. As sesións expóñense desde o debate xerado pola relatora ao remate das películas.
Sempre con entrada de balde, ás 18.30h, na Facultade de Ciencias da Comunicación. Os filmes escollidos son Lucía y el sexo (6 de novembro), Cría Cuervos (8 de novembro), Jamón Jamón (15 de novembro) e Amanece, que no es poco (21 de novembro).
8 de novembro, 12h - Presentación do informe “INVESTIGACIÓN: AS CREADORAS NO AUDIOVISUAL” na Facultade de Ciencias da Comunicación - Intervén: Jéssica Izquierdo, Profesora Titular da Universitat Jaume I.
Clases maxistrais - con Alberto Vázquez (o 19 de novembro), na Facultade de Belas Artes, ás 19.30h) e Bina Daigeler (o 20 de novembro, con espazo por confirmar)
Na web oficial do Concello de Pontevedra é posíbel consultar máis información. As entradas para as diferentes actividades (aquelas que o precisen) poden ser retiradas na Oficina de Turismo do Concello de Pontevedra situada na Praza do Concello.