O BNG insta á Deputación a complementar a cobertura da Policía Local a todo o territorio da provincia

César Mosquera
César Mosquera
O BNG insta á Deputación a complementar a cobertura da Policía Local a todo o territorio da provincia

Pontevedra, 25 de outubro de 2024. O voceiro do BNG César Mosquera instou hoxe á Deputación a complementar a cobertura da Policía Local a todo o territorio da provincia. Fíxoo durante a súa intervención sobre a moción do PP para manter a presenza da Garda Civil en todos os cuarteis provinciais subliñando que, ademais de pedir medios para os corpos de seguridade estatais, o PP debería dedicarse a resolver problemas que dependen do seu goberno e están realmente “na súa man”. 

Mosquera lanzou o reto subliñando que moitos concellos da provincia non dispoñen de Policía Local e non hai quen faga cumprir as ordenanzas municipais nin cuestións de seguridade ou tráfico. Indicou que unha contribución da Deputación solucionaría o déficit dun servizo que é competencia local e “fundamental para a calidade de vida da xente” xa que, nalgúns casos, hai actividades que están aproveitando para “refuxiarse” en lugares sen cobertura de policía municipal. Como exemplo, puxo establecementos de hostalería que no verán abren ata altas horas en localizacións como a Illa de Arousa. “A Garda Civil é imposible que aplique todas as ordenanzas municipais”, subliñou.

Sería fundamental , apuntou Mosquera, que o goberno provincial estudase a fórmula xurídica para poder aplicar a axuda provincial. Destacou que a Deputación xa se involucrou na presenza dos bombeiros comarcais, que tamén xestiona temas como os animais abandonados grazas ao CAAN e incluso ten un programa para a retirada de vehículos abandonados. “Deixo o reto aí, que a Deputación se implique”.

Insistiu o portavoz en que é “moito máis frutífero” abordar no Pleno da Deputación un problema local e analizar unha posible axuda para completar os corpos da Policía Local que debater unha moción como a da Garda Civil do PP que, dixo, non é máis que un “eco ‘lonxano’” do que se debate no Senado e no Congreso. “Cando algo pode depender da Deputación, dedíquense a resolvelo”, pediu ao goberno provincial, criticando de novo que nas sesións plenarias se aborden cuestións políticas que non son de competencia provincial .

Coherencia
O BNG tamén pediu ao goberno do PP que sexa coherente nas súas actuacións coa Axenda Urbana e Rural da provincia, AUPO 2030, que se aprobou hoxe. O voceiro César Mosquera subliñou que o novo documento é necesario e facilitará o acceso a fondos europeos establecendo liñas de actuación aliñadas cos obxectivos da Unión Europea, mais destacou que nestes momentos as prioridades que está a demostrar a Deputación “non son as que están aí”.

Mosquera deixou en evidencia que a pesares de que a nova Axenda 2030 aposta pola economía circular, o goberno do PP “cargouse o Revitaliza” e aposta polo quinto colector, cando é unha medida contraria ás directrices europeas. 

Tamén sinalou que o documento estratéxico aposta pola mobilidade amable e natural, mais o goberno provincial tamén eliminou o Plan Ágora impulsado polo anterior goberno, retirando os criterios que potenciaban a mobilidade non motorizada e a recuperación dos espazos públicos. 

“A planificación é literatura barata se non se aplica. É bo que se faga –a Axenda 2030-, pero que sirva para algo. Agardo que non quede en literatura e si teña consecuencias públicas e haxa coherencia entre o que se escribe e o que se fai”, finalizou. 

O BNG insta á Deputación a complementar a cobertura da Policía Local a todo o territorio da provincia