Pontevedra mantén o seu dinamismo e continúa a ser a cidade galega máis moza e na que menos xente vive soa
Os últimos datos presentados polo Observatorio económico e social de Pontevedra constatan que «Pontevedra está nunha posición media alta con respecto ao resto de grandes cidades de Galicia», mantendo este posicionamento en xeral, máis con melloras significativas en indicadores relevantes, seguindo as palabras de Pedro Figueroa, director da entidade.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a principal conclusión que aporta o novo informe é que «Pontevedra é unha cidade dinámica, tanto desde o punto de vista de poboación como social». O rexedor quixo destacar dúas cuestións fundamentais: que Pontevedra segue sendo a cidade máis moza de Galiza —é a que ten máis poboación menor de 20 anos, e menos maiores de 65 anos—, ademais de ser a cidade na que menos xente vive en soidade.
Doutra banda, seguindo os datos doutras cidades en relación coa situación económica poscovid, todas as cidades perderon actividade económica, sobre todo no referido ao número de empresas; mais Pontevedra é o concello no que máis se mantivo a súa actividad, ademais de ser a que ten menos persoas ou fogares que chegan con gran dificultade a final de mes, rebaixando este dato nun 50 % ao longo do último lustro.