MELLOR LOCAL. MELLOR GALEGO
Soutomaior aposta pola inclusividade cun proxecto que pon o foco en mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional
Soutomaior, 30 de novembro de 2023. O alcalde de Soutomaior e a concelleira de Benestar Social, Rosana Martínez, presentaron ‘Soutomaior Inclusivo’, un proxecto pioneiro no concello, que ten por obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e das súas familias. ‘Soutomaior Inclusivo’ establece unha liña de acción estratéxica por parte do goberno de Soutomaior á hora de desenvolver medidas que garantan a igualdade para todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición.
As persoas con diversidade funcional e as familias que queiran acollerse a ‘Soutomaior Inclusivo’ poderán recoller no Concello ou no Multiusos unha pulseira que lles dará acceso prioritario aos eventos que organicen e se leven a cabo dende o concello de Soutomaior. Só deberán presentar a tarxeta de discapacidade da Xunta de Galiza. Ensinando esa pulseira nas actividades do Concello terán acceso preferente sen ter que facer colas nin agardar.
Manu Lourenzo: “No goberno de Soutomaior temos como obxectivo prioritario que todos os veciños e veciñas do noso concello poidan desfrutar de todo o que Soutomaior ofrece en igualdade de condicións".
As medidas enmarcadas en ‘Soutomaior Inclusivo’ implican políticas e protocolos aplicados en calquera acto do Concello que permitan a integración destas persoas e o seu total desfrute das actividades. Neste sentido, dende o goberno poñen o exemplo da programación de Nadal, que comeza este 2 de decembro, e na que ‘Soutomaior Inclusivo’ xa estará vixente, polo que as persoas con diversidade funcional que así o soliciten poderán beneficiarse das medidas recollidas no proxecto.
A concelleira Rosana Martínez sinalou “a ilusión que me fai poder presentar un proxecto no que levamos meses a traballar e que vai estar activo desde xa”. Rosana Martínez agradeceu especialmente “ás familias coas que o goberno de Soutomaior falou para deseñar en conxunto este proxecto e que cada día loitan incansablemente polos dereitos dos seus pequenos e pequenas”.
Pola súa parte, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “no goberno de Soutomaior temos como obxectivo prioritario que todos os veciños e veciñas do noso concello poidan desfrutar de todo o que Soutomaior ofrece en igualdade de condicións. ‘Soutomaior Inclusivo’ é o resultado de todo ese traballo, e grazas á concellleira Rosana Martínez, hoxe o noso concello é un pouco máis inclusivo e agradable para todas as persoas”, concluíu Manu Lourenzo.