Pontevedra asina un protocolo de colaboración coa Fundación Manuel Moldes para dar a coñecer a obra do artista pontevedrés
O Concello de Pontevedra asinou da man do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, un protocolo de colaboración coa fundación Manuel Moldes, representada pola súa presidenta, May Díaz Cacheda co obxectivo de achegar a obra de Manuel Moldes a todos os veciños e veciñas da cidade de Pontevedra, especialmente ao público máis novo.
“Estamos preparando as actividades que están por vin en canto remate o verán”, explicou o edil de Cultura, Demetrio Gómez. “Este protocolo foi realmente sinxelo de acadar e témosllo que agradecer á Fundación Moldes pois amosan un verdadeiro interese á hora de difundir a obra do pintor pontevedrés”.
O protocolo de colaboración non está limitado só ao curso que comeza a finais de setembro, senón que dura até o ano 2027, poidendo ser prorrogado un ano máis se as dúas partes (Concello e Fundación) así o deciden.
Pola súa banda, May Díaz quixo agradecer as facilidades ofrecidas polo Concello para chegar até este punto de colaboración. “Parecíanos fundamental chegar a este acordo do Concello e facer actividades que sería moi complicado facer sen a súa axuda”, indicou. “Queremos dar a coñecer a obra de Moldes a un público maior”.
O alcalde sinalou que Pontevedra “é unha cidade dinámica que se fai entre todos e todas”, subliñando a importancia da colaboración entre todos os axentes que viven e traballan na cidade, administracións e asociacións. “Tivemos a fortuna de ter un pintor universal coma foi Manuel Moldes, que naceu e fixo a súa vida aquí. É importante divulgar a súa obra e darlla a coñecer a todo o mundo”.
O protocolo de colaboración non fixa unha cantidade económica concreta, senón que establece de xeito oficial a intención de traballar de xeito conxunto para as diversas actividades que xa se están confeccionando e que se irán realizando no futuro.