Soutomaior investirá máis dun millón de euros en obras e actuacións no que resta de 2024
Soutomaior investirá entre os meses de agosto e decembro deste ano máis dun millóns de euros para a realización de diferentes actuacións e obras. Grazas á consecución de case un millón e medio de euros en subvencións de diferentes institucións no que vai de ano por parte do Goberno local e ao aforro de 200.000 euros en gastos correntes nos primeiros seis meses de 2024, o Goberno de Soutomaior conta cunhas arcas municipais saneadas que lle permitirán levar a cabo todas estas obras.
Algunhas das principais actuacións que se levarán a cabo no que queda de ano son a humanización da praza da Aldea, a creación dun núcleo de centralidade na Pedreira, o arranxo da estrada de Cortellas, a primeira fase do proxecto de mellora dos parques infantís municipais, a mellora do acceso do campo do Soutomaior, e a instalación de sistemas de aerotermia nos campos de fútbol municipais. Ademais, tamén se levarán a cabo traballos de pavimentación en diversos puntos do concello e distintas obras de saneamento para reducir as perdas de auga.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu o traballo realizado polas funcionarias municipais e polo equipo de goberno para que Soutomaior poida levar a cabo todas estas actuacións e obras. “Desde o primeiro ano de mandato estamos levando a cabo obras e actuacións necesarias para transformar Soutomaior. Témolo claro: traballar para a veciñanza do primeiro ao último día. Acabouse ter que esperar tres anos e medio á chegada das eleccións para que a veciñanza comece a ver obras”.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo avanzou que “ademais de varias obras e actuacións que xa temos previstas para 2025, estamos traballando tamén na contratación e redacción de proxectos de cara a desenvolver máis obras e actuacións o ano que vén. Temos unha liña de ruta para a transformación urbanística de Soutomaior. Pouco a pouco pero sen descanso o noso concello vai avanzando cara un modelo que o converterá nun referente da comarca, e co que melloraremos a calidade de vida da nosa veciñanza”.