24 E 25 DE AGOSTO NO PEIRAO DE ARCADE
Soutomaior celebra a segunda edición do seu festival para xente miúda, o Punkativada
Soutomaior acollerá a segunda edición de Punkativada ,o festival para a xente miúda, que se celebrará os días 24 e 25 de agosto na Carballeira do Peirao, trátase dunha cita para toda a rapazada do concello e do conxunto da comarca no que tanto os máis pequenos e pequenas como pais e nais poderán desfrutar de concertos infantís, espectáculos e contacontos, obradoiros e moito máis.
Dende o concello de Soutomaior convidan a todas as familias a vir a desfrutar deste festival para xente miúda nunha nunha das contornas naturais máis fermosas do fondo da ría de Vigo, nun concello con tanto potencial natural e cultural como Soutomaior. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, chamou a toda a rapazada do concello, e da contorna, e ás súas familias a achegarse á Carballeira de Arcade os días 24 e 25 de agosto para “desfrutar dalgúns dos mellores espectáculos infantís que hoxe en día poden verse en Galiza”. “Queremos que todos os nenos e nenas de Soutomaior e a comarca, e en xeral toda a veciñanza, saquen ese espírito punki que todos levamos dentro e poidan demostrar que para pasalo ben no verán non hai sitio mellor que Soutomaior”
O evento comezará, nesta segunda edición, o sábado 24 de agosto ás 11:00h. co obradoiro creativo “Punki” onde as e os peques poderán deseñar looks punkis combinando materiais con imperdibles que servirán para unir, completar e suxeitar prendas co fin elaborar unha indumentaria efémera (vestidos, camisas, saias...) para o festival. A continuación ás 12:00 h. terá lugar o concerto de ‘As Tareixas’ de Redondela, ás 13:00 h. chegará a quenda do directo de ‘Silforiña’ de Golfiños, unha viaxe en barco, onde se poderá mergullar na bágoa dun poema, asustarse co ouveo dun lobo ou mexerse no luar dunha noite máxica.
Xa pola tarde, a actividade comezarán ás 17:00h co espectáculo Cirkompacto de Hellbrother. De 18:15 h. a 20:45h. os xogos de ‘paporrubio’ chegarán á Carballeira do Peirao de Arcade, xogos e pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes. A xornada do sábado despediráse co concerto Singular de Píscore ás 21:00 h. un orixinal espectáculo que mestura virtuosismo e ritmos musicais coa comedia xestual e o clown. O resultado? Diversión garantida para toda a familia.
O domingo Punkativada retomará a súa programación ás 11:00 h. co obradoiro creativo de `Palabras encadenadas’ unha cita onde se van a encadear palabras para que non se perdan creando unha peza artística con elas e así de xeito lúdico non perder o vocabulario que non usemos. A continuación chegará un dos platos fortes desta edición co concerto da Gramola Gominola ás 13:00h. Unha banda de auténtico Rock&Roll en galego con Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Xa pola tarde, terá lugar un fin de festa por todo o alto co espectáculo ás 17:00 h. de Peterpunk e o neno imperdible protagonizado por Peter Punk e Brais das Hortas.