20 OPERARI@S COMEZAN A 2ª QUENDA DE DESBROCES
Soutomaior, un concello máis limpo e arranxado
O Goberno de Soutomaior iniciará nos vindeiros días a segunda quenda de desbroces polos camiños municipais, despois de rematar a comezos de xullo a primeira quenda polos barrios. O obxectivo do Goberno de Soutomaior agora é volver a pasar polos barrios e camiños municipais para que estes queden limpos e arranxados de cara ao final do verán e o comezo do outono.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu o inmenso esforzo levado a cabo polos traballadores e traballadoras da brigada de obras durante a primeira quenda de desbroces. “Por primeira vez na historia de Soutomaior a comezos de xullo estaban todos os barrios de Soutomaior desbrozados, o que nos permite poder comezar a estas alturas do ano cunha segunda quenda de desbroces polos barrios do concello”.
Actualmente Soutomaior conta cunha vintena de traballadores e traballadoras na rúa, levando a cabo non só labores de desbroce senón que tamén de mantemento. Esta situación contrasta coa de hai un ano, en setembro de 2023, cando o Concello de Soutomaior contaba con unicamente con tres persoas que forman parte do persoal municipal para levar a cabo os traballos de mantemento na rúa. Unha situación insostible no tempo e que foi herdada pola xestión do anterior grupo de Goberno, que facía imposible garantir a mínima eficiencia na prestación de servizos municipais.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “incrementamos o persoal destinado a desbrozar os barrios e camiños municipais e somos conscientes que é imposible chegar a todos os barrios e camiños do concello que precisan de mantemento de maneira inmediata, ademais de que este ano a meteoroloxía está acelerando o crecemento da broza, pero co gran traballo que está a levar a cabo a brigada de obras municipal, pouco a pouco iremos chegando a todos os puntos de Soutomaior. Actuando con eficiencia e total transparencia, Soutomaior é hoxe un concello máis limpo e arranxado, e ningún barrio nin ningún veciño ou veciña quedarán atrás nesta segunda quenda de desbroces”.