Soutomaior supera en xullo os 2 millóns de euros en Tesourería
O Concello de Soutomaior superou en xullo os 2 millóns de euros en tesourería. En concreto, con peche a 30 de xuño, as contas municipais mostraban unha liquidez de 2.095.000 euros. En comparación co ano pasado, a liquidez a 30 de xuño de 2023 era só de 1.372.000 euros, un incremento de máis do 50% en tan só 12 meses.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes datos demostran a boa saúde económica na que se atopa Soutomaior hoxe en día”. O alcalde subliñou que “hoxe prestamos un maior número de servizos a súa veciñanza, ofrecemos unha axenda cultural e social moi atractiva para a poboación da comarca e estamos a desenvolver numerosas obras e actuacións para a transformación urbanística do noso concello (praza da Pedreira, praza da Aldea, estrada de Cortellas, saneamentos, asfaltados...), ao tempo que as contas municipais seguen crecendo”.
Outro elemento que explica estes datos de tesourería foi o esforzo do Goberno local para reducir nos últimos 12 meses o gasto corrente en case 200.000 euros (1.717.000 euros a 30 de xuño do ano pasado fronte a 1.519.000 euros a 30 de xuño de 2024). Isto conseguiuse grazas a aplicación por parte do Goberno de Soutomaior dunha política de redución de gastos superfluos e innecesarios.
A xestión económica tamén ven referendada porque, no que vai de mandato, o Goberno local aínda non recibiu nin un só reparo por parte dos habilitados nacionais, que velan polo cumprimento legal. Os reparos trátanse de advertencias de intervención e secretaría aos Gobernos locais nas que se incide que unha determinada xestión ou factura non compren cos trámites legais necesarios.
A situación económica do Concello de Soutomaior mantense á alza a pesar de que a Xunta de Galiza decidiu aplicar nos últimos meses a suba do canon de Sogama e suba do canon de Augas de Galicia, que afectan directamente ao peto da veciñanza e ás arcas municipais. Fronte a isto, o Goberno local acordou o pasado mes de decembro conxelar e non subir as taxas e impostos municipais nos Orzamentos de 2024.
O alcalde Manu Lourenzo subliñou que “a estas alturas do ano conseguimos e estamos xestionando case 1,5 millón de euros en subvencións. Isto, sumado aos datos de tesourería, vainos permitir seguir incrementando os servizos que prestamos no día a día aos veciños e veciñas de Soutomaior e seguir avanzando na transformación urbanística de Soutomaior, tanto con todas obras que xa estamos levando a cabo ou tramitando como coas que temos proxectadas”.