Lores presenta o Plan de Contratación 2023, que conta con máis de 53 millóns de euros en investimentos para o municipio
Pontevedra, 9 de marzo de 2023. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou os principais investimentos incluídos no Plan de Contratación 2023. Trátase dun documento que debe ser recollido dentro do servizo de Contratación, funcionando como unha previsión de tramitación e contratación de todos os proxectos que están sobre a mesa por parte do Concello de Pontevedra.
O Plan de Contratación 2023 ten un volume de investimento previsto de 79.900.005 euros, e inclúe contratos que son de gasto de corrente así como outras subministracións que sumarían uns 24 millóns de euros. O resto, preto de 54 millóns de euros, son proxectos de investimento, é dicir, «proxectos que están en distintas fases; estando algúns deles xa elaborados e en detalle, algúns só agardan ser licitados como A Santiña; outros que están pendentes de certas autorizacións como Mollavao; e outros en fase de elaboración, en fase de anteproxecto... Poderán ser incluídos outros proxectos? Si, pero hoxe este é o documento que esixe a normativa co fin de ter unha idea fidedigna de todo o que será tratado ao longo do ano».
O rexedor indicou que estes son proxectos que atenden a unha distribución xeográfica o máis equitativa posíbel, entre barrios, centros e parroquias. «Son actuacións que nos permitirán seguir avanzando na transformación de Pontevedra. Algunhas xa foron presentadas e anunciadas e outras falaremos no futuro polo miúdo, nas vindeiras semanas», explicou.
É un documento que as cidades deben facer obrigatoriamente para o servizo de Contratación e recolle as previsións de actuacións e tramitacións que se farán ao longo do ano. Neste aparecen proxectos diversos en forma e en localización, que van desde as actuacións medio ambientais nas marxes do Lérez, a reforma da contorna de Pastor Díaz, a mellora de accesibilidade nas rúas Castelao e Daniel de la Sota ou a reforma de Eduardo Pondal, entre outros
Zona norte
Se atendemos ás zonas da cidade, a zona norte contará con actuacións na Santiña e en ambas as dúas marxes do río Lérez, desde o acceso de Monte Porreiro até a Ponte do Burgo, a través de melloras ambientais. Tamén actuacións no colexio da Xunqueira 2, onde se mellorarán as instalacións do pavillón situado nesta zona e tamén un campo de herba sintética, o último posíbel de toda a infraestrutura de campos da Xunqueira. O Mercado tamén ten prevista unha actuación no referido a eficiencia enerxética, outra para o Pavillón de Monte Porreiro, a nave de piragüismo e outra para o Pazo de Cultura.
Zona centro
Na zona centro está xa elaborado o proxecto de Castelao con Daniel de la Sota, procurando unha reforma da zona que permitiría a accesibilidade universal na mesma a través dunha plataforma única. Tamén se contemplan actuacións na Praza da Liberdade, Pastor Díaz —e rúas próximas como Paseo de Cervantes e Arquitecto de la Sota—, a rúa Pasantería no centro histórico, a reforma do Antigo conservatorio e a rehabilitación do edificio municipal de Churruchaos e a actuación no Teatro Principal.
Zona leste
Na zona leste existe un proxecto xa elaborado para a reforma integral da rúa Almirante Matos —une o Campo da Torre coa rúa da Barca—, igual que para Mollavao —pendente do informe de Costas— e o acceso á autovía de Marín desde a estrada PO-546. Tamén se quere dar continuidade a unha actuación de accesibilidade na Avenida de Lugo, ampliando e mellorando, «cando menos», unha das marxes da beirarrúa que sube até a rotonda que iría a Montecelo. Eduardo Pondal tamén ten previsto recibir unha actuación de reforma «xa que conta con necesidades logo de tantos anos», ademais da creación do Complexo Deportivo da Parda, xunto coa ampliación do cemiterio de Santo Amaro.
Zona sur
Na zona sur o Concello quere poñer en marcha o proxecto para a rúa Luís Seoane, xa presentado no seu momento, e rematar as actuacións no Centro Sur.