Inaugurada a instalación artística que, ás portas da Audiencia, visibiliza ás 30 mulleres e 2 crianzas asasinadas pola violencia machista na provincia de Pontevedra

Pontevedra, 25 de Novembro de 2024. Coa colocación dos dous últimos círculos negros en lembranza da veciña de Pontevedra, Fadua A. (41 anos) e da baionesa Estela B.S. (36 anos), asasinadas no último mes, quedou inaugurada a instalación artística permanente que, desde hoxe, lembrará ás vítimas da violencia machista na provincia de Pontevedra desde que hai rexistros oficiais (ano 2003), ás portas da Audiencia Provincial.
Foron o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, as persoas encargadas de rematar a instalación, coa presenza de representantes de todas as forzas políticas do Concello de Pontevedra e do presidente da Audiencia de Pontevedra, Javier Menéndez Estébanez. Esta unidade foi valorada de xeito positivo polo rexedor, subliñando que “as institucións diante da violencia machista non poden mirar cara a outro lado”.
Tamén puxo en valor a aposta por colocar esta instalación, de memoria e reivindicación, no espazo público “para que todo o mundo poda vela” e sexa consciente dunha realidade, a do machismo, que maltrata e asasina mulleres polo feito de selo. Ademais, o sitio escollido non é casual, pois as portas das Audiencia son “unha referencia á hora de xulgar e condenar a quen non respecta a igualdade e os dereitos das mulleres e acaban coa súa vida, asasinándoa”; e tampouco a data, 25- N: Día internacional pola eliminación da violencia de xénero.
Miguel Fernández Lores: "As institucións, diante da violencia machista, non poden mirar cara a outro lado"
No chan da praza da Audiencia poden ser atopados desde hoxe 32 círculos conmemorativos: 30 negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas —que van dos 25 aos 82 anos— e 2 brancos, coas iniciais dos dous irmás vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos
O obra inclúe tamén un círculo máis grande cun texto explicativo que remata cunha mensaxe que interpela a todas e todos: Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS. E complétase con outros dous cun 25-N e o logo do Concello de Pontevedra.
Malia que agarda que non sexa necesario, a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, explicou que “se unha nova muller ou crianza son asasinados pola violencia machista na provincia porase unha nova placa”. O obxectivo da instalación, lembrou, é visibilizar a violencia que sufrimos as mulleres por selo, sensibilizar a todas e todos sobre unha realidade que golpea a metade da poboación e reivindicar xustiza.
Un primeiro acto vandálico mesmo antes da súa estrea
Desde o Concello de Pontevedra tamén se deu conta dun feito remarcable como é que un par de círculos foron xa danados a través dun acto vandálico mesmo antes da súa estrea pública. Os responsábeis foron dous homes adultos, que tomaron a decisión de danar dous dos elementos xa instalados, a plena luz do día, e con testemuñas presenciais que deron conta dos feitos.
O Goberno Local cualifica esta acción como “lamentable”, mais tamén pon de manifesto a necesidade de seguir traballando contra a violencia machista, máis aínda fronte a esa sensación de impunidade que algúns individuos demostran no seu día a día. Cómpre sinalar que a Policía Local xa ten coñecementos do asunto.