Abre ao público a nova área de actividade física deportiva do Lérez

Abre ao público a nova área de actividade física deportiva do Lérez

Pontevedra, 12 de xuño de 2024. Pontevedra conta desde este mércores, 12 de xuño, cunha nova área de actividade física deportiva do Lérez. Trátase dun espazo novidoso no que calquera persoa poderá exercitarse e traballar cos diferentes aparellos que compoñen o parque deportivo.

área da Ponte dos Tirantes, nome oficial, é das máis avanzadas do mercado, tanto polo seu deseño como pola operatividade que ofrece a quen a utilizará. O Concello optou por un provedor da máxima calidade, con pezas de alta duración e contrastada solidez, antivandálicas e ben pensadas para ofrecer ás persoas usuarias unha experiencia moi satisfactoria. A instalación situouse nun dos puntos neurálxicos do deporte pontevedrés, ao carón da ponte dos Tirantes, un lugar de uso masivo polas persoas que practican deporte na capital —desde o primeiro minuto da inauguración, distintas persoas decidiron probar as pezas deportivas—.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou moi positivamente a creación e instalación desta nova área, lembrando que era unha petición reiterada pola comunidade deportiva e que agarda que poida ser gozada por todo o mundo. Ademais, non descartou a posibilidade, segundo o uso e resposta que teña esta primeira instalación, a proxectar outras na Boa Vila.

 

«Era unha necesidade tal e como nos transmitiron distintos deportistas da cidade. Tardamos e sentimos os atrasos derivados das distintas localizacións que se barallaron nun principio para estes elementos, pero finalmente aquí a temos», indicou o rexedor. «É un parque realmente bo, xa non só para deportistas individuais, senón tamén para equipos deportivos que queiran achegarse e aproveitar as distintas máquinas. Está ao carón da Illa do Covo, zona na que é coñecida pola cantidade de corredores e corredoras que se achegan... agora poderán completar o seu adestramento ou os seus estiramentos aquí».

Doutra banda, Fernández Lores destacou que son elementos de alta durabilidade, moi difíciles de estragar, e que agarda satisfagan as necesidades de toda a veciñanza.

Os distintos elementos contan con varios códigos QR que engaden funcións extras, como seguimento e exemplo de actividades, polo que permiten exercitarse de xeito correcto e con coñecemento de base. «Estamos realmente contentos de poder facer esta inauguración e agardamos que cumpra as expectativas da xente», finalizou.

Abre ao público a nova área de actividade física deportiva do Lérez