Mais dun milleiro de mozos e mozas participaron este curso nas actividades da biblioteca de Caldas
Caldas, 16 de xuño de 2024. A biblioteca municipal Martínez Ferro de Caldas de Reis vai pechar o curso escolar 2023/2024 e o groso das súas actividades durante o período lectivo cunha grande participación: máis dun milleiro de rapazas e rapaces da vila termal participaron nos obradoiros, contacontos e outras iniciativas destinadas tanto aos colexios como abertas ao público.
Segundo os datos achegados polo tenente de alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña, baseados no traballo do persoal da biblioteca, o período entre setembro e xuño foi especialmente intenso. O programa ‘Coñece a túa biblioteca’ contou con 30 visitas dos centros escolares do concello. De feito, todos e cada un dos centros educativos do municipio, segundo as súas posibilidades e intereses, achegáronse ata a biblioteca e fixeron posible que case 700 rapaces e rapazas gozaran coa programación preparada.
A cifra de persoas participantes nas actividades foi aínda máis alta, xa que nos actos abertos ao público máis de 300 nenos e nenas acompañados dos seus pais e nais gozaron coas quince sesións de contos e obradoiros organizadas dende a biblioteca co soporte da Concellería de Educación.
Ademais das visitas, organizáronse dúas presentacións de libros e houbo tamén outras iniciativas, como a sesión de narración oral para adultos -este ano a cargo de Carmen Conde, sendo xa unha tradición alá polo 20 de marzo para celebrar o día da narración oral-, as mostras bibliográficas, ou os premios ás persoas máis lectoras para celebrar datas tan significativas para o libro como os días 2 e 23 de abril. Tamén se destacan a entrega de lotes sorpresa de libros e “por suposto” o clube de lectura para adultos “que con máis de vinte anos ten máis forza ca nunca con 18 membros que se reúnen unha vez ao mes”.
Clube de lecura inclusivo
Tanto o concelleiro nacionalista como o persoal da biblioteca subliñan que se houbera que poñer en valor algún fito desta tempada é a posta en marcha o pasado mes de marzo do ‘Clube de lectura inclusivo’ en colaboración co Centro Ocupacional ‘O Saiar’, un centro ubicado na parroquia do mesmo nome, de titularidade pública e que atende a persoas adultas con discapacidade intelectual. A iniciativa nacera no ano 2020 pero debido ás restricións pola pandemia non se puideran celebrar máis que un par de sesións. “Segundo a UNESCO, as bibliotecas públicas deben favorecer a inclusión, a igualdade e o respecto aos dereitos de todos e para iso deben ser capaces de asegurar o acceso e a participación nos seus servizos a calquera usuario. Nós traballamos para iso”, subliña Fariña.
Neste clube de lectura inclusivo participaron 10 persoas que se dividiron en dous grupos de cinco acompañadas dunha educadora. Ao longo de nove reunións, unha por semana, léronse en voz alta e puxéronse en común no espazo da biblioteca a obra Romeo e Xulieta. Os libros utilizados pertencían ao fondo municipal, e estaban avalados polo logo de LF (lectura fácil) e especialmente indicados para persoas con dificultades lectoras e de compresión.
A valoración da experiencia foi moi positiva e a pretensión é convertela nunha actividade regular “que nos enriqueza a todos, tanto as que participamos nela como o resto de persoas usuarias, xa que a biblioteca pública ten que ser un espazo de convivencia e aberto a toda a cidadanía prestando especial interese aos colectivos vulnerables”, subliñan.