BDra Gráfica, o evento que fará de Pontevedra a capital da banda deseñada de toda a Península
pontevedra, 12 de xuño de 2024. A segunda edición de BDra Gráfica non amosará só o crecemento dun evento que o pasado ano contou cun éxito rotundo, senón que revelará todo «un estirón» até transformalo no maior evento sobre banda deseñada co que contará Galiza este ano, un dos máis interesantes de todo o Estado e unha parada indispensábel para todo amante desta cultura.
Nado baixo a dirección do debuxante e mestre Kiko da Silva, BDra Gráfica ten como obxectivo achegar á cidadanía pontevedresa a grande variedade de obras creadas polos autores e autoras da chamada novena arte. O evento afonda na relación coas lectoras ao ofrecerlles a presenza de prestixiosos creadores e creadoras, ao tempo que ofrece visibilidade doutros elementos indispensábeis da industria cultural como as librarías e editoriais.
A praza da Ferraría funcionará como epicentro desta cita, acollendo unha carpa de 30 metros de longo na que se instalarán ate 25 stands distintos, tan só co cómic (e derivados de mesmo) como absoluto protagonista. Do 27 ao 30 de xuño, a céntrica praza da cidade do Lérez promete ser un fervedoiro de presentacións, faladoiros e, como non, exposicións creativas.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, participou na derradeira presentación de BDra Gráfica antes do seu inicio, na que se amosou a páxina oficial do evento, onde xa está dispoñíbel todo o contido que articula esta segunda edición. «Prestaríame destacar que nestes catro días Pontevedra será, como mínimo, a capital estatal e peninsular da banda deseñada», indicou. «Teremos autores e autoras de fama mundial, do máis punteiro que se pode ter unha feira deste tipo. Teremos xornadas profesionais, seis exposicións en distintos espazos do espazo público, proxeccións de cinema no Teatro Principal, quince librarías presentes, nove editoriais... Coido que é un traballo impresionante».
Entre os autores e autoras que estarán presentes durante a feira, destacan: Miguelanxo Prado, Emile Bravo, Bartolomé Seguí, Max, Keko, Bea Lema, Fernando Llor, Aneke, Carlos Portela, Nil e Ángel de la Calle
Doutra banda, as seis exposicións que poderán ser gozadas ao longo do evento son as seguintes:
- Presas Fáciles, de Miguelanxo Prado - Presentación o xoves 27 de xuño ás 18 h. Con actuación en directo do Cuarteto VAGALUME. FUNDACIÓN MANUEL MOLDES - Do 27 de xuño ao 29 de xullo
- 45 anos de cómics para supervivintes - A editorial LA CÚPULA cumpre 45 anos e para celebralo cóntannos a súa historia a partir de 45 cómics emblemáticos. FACULTADE DE BELAS ARTES. Do 27 de xuño ao 20 de xullo
- Da idea ao cómic (Autores Convidados) - Os autores convidados amosan paso a paso os seus métodos persoais de traballo. Unha oportunidade para revelar as distintas maneiras de facer unha BD. PRAZA DA FERRARÍA. Do 27 de xuño ao 7 de xullo
- Homenaxe a Akira Toriyama - O alumnado de O GARAXE HERMÉTICO rende homenaxe ao creador de Songoku e Arale, cunhas versións persoais dos seus personaxes. TEATRO PRINCIPAL. Do 27 de xuño ao 29 de xullo
- V Premio "O GARAXE HERMÉTICO" 2024 - Ene e Alba Chan gañadoras da V edición do Premio de BD, O GARAXE HERMÉTICO, coa súa primeira obra IDOL, editado en colaboración con XERAIS. TEATRO PRINCIPAL. Do 27 de xuño ao 29 de xullo
- Exposición dos autores convidados - Exposición dos libros dos 35 autores/as que pasarán por BDra GRÁFICA para presentar e asinar exemplares das súas obras. TEATRO PRINCIPAL. Do 27 de xuño ao 29 de xullo
A zona profesional contará con tres conferencias ou charlas destinadas á Fisioterapia para autores, unha master class de Emile Bravo e unha adicada a IA e os dereitos de autoría.
No referido ao cinema, o domingo 30 de xuño, ás 17 horas, proxectarase o filme Nicky aprendiz de bruxa; ás 20 horas, o mesmo día, será a quenda de Crumb. Ambos as dúas películas poderán ser gozadas no Teatro Principal. A maiores, na carpa da Ferraría, o xoves 28 de Xuño, ás 13.00 horas, proxectarase Carbón, de Max.