A lingua de signos unirase ás voces do coro do IES A Xunqueira I na final do IX Concurso Nacional de Coros Escolares
Pontevedra, 13 de xuño de 2024. O Coro IES A Xunqueira 1 de Pontevedra escribe unha nova páxina na súa traxectoria musical. Como finalista do IX Concurso Nacional de Coros Escolares que organiza o Ministerio de Educación subirase ao escenario, o vindeiro venres 14 de xuño, cunha clara aposta pola inclusión: a lingua de signos unirase ás voces dos cantores na peza obrigatoria do certame: En cada nota, unha obra composta ad hoc por Amparo Cos Boj (letra) e Aurelio Martínez López (música).
Para traducir á lingua de signos a canción, aprender a signar e adestrar a actuación, o coro contou coa axuda do programa Comunico da Concellería de Benestar Social, que xestiona Anabel Gulías e que conta cunha bolsa de horas ILSE (Intérprete de linguaxe de signos) para usos institucionais, sociais e comunitarios. Os intérpretes pertencen a Organización de Diversidade Sensorial-Xoga, entidade coa que o Concello realiza o servizo.
Por azar a final do IX Concurso Nacional de Coros Escolares é o 14 de xuño, Día Nacional das Linguas de Signos Españolas -hai dúas oficiais: a española e a catalá-, unha efeméride para visibilizar a lingua natural das persoas xordas e pór en valor o seu papel inclusivo. E tamén unha data para reivindicar o recoñecemento da lingua de signos galega.
O Coro IES A Xunqueira 1 de Pontevedra, dirixido pola profesora Luísa Sánchez, ten 40 voces: 35 de estudantes de ESO e Bacharelato e 5 de ex-alumnos/as do centro.
O reto que teñen por diante -e que eles engaden como un plus- non é doado. Levan semanas aprendendo e adestrándose na linguaxe de signos e marchan a Madrid confiados en asombrar ao xurado coa súa interpretación inclusiva. Ademais da peza obrigatoria, deberán interpretar tres obras libres, dúas delas a capella.
Non é a primeira vez que o Coro IES A Xunqueira 1 de Pontevedra une as súas voces á lingua de signos. Teñen unha experiencia-piloto anterior. No ano 2021 gravaron con lingua de signos (e subiron a internet) un vídeo de Durme meu neniño e outro de Can you hear me? (retrouso) ao abeiro do programa Manciñas do Concello de Pontevedra para a difusión escolar da Lingua de signos.