O BNG leva ao Parlamento a construción do vial do Vao e a urbanización da avenida da Barca en Poio
Poio, 13 de xuño de 2024. O BNG vén de presentar no parlamento galego unha iniciativa na que demanda a mellora das comunicacións viarias en Poio mediante unha actuación tripla: a construción do vial do Vao entre a Caeira e a estrada de Vilagarcía para desconxestionar a Ponte da Barca, a urbanización da rúa da Barca entre a Ponte da Barca e Andurique para darlle características plenamente urbanas e gañar espazos peonís, e a mellora da mobilidade e da seguridade viaria da PO 308 entre A Porteliña e A Seca.
O Vial do Vao é unha infraestrutura pendente de construción que conectaría a estrada autonómica PO 310 de acceso a Campañó (na Caeira) e a estrada autonómica PO 531 (Pontevedra-Vilagarcía). Xuntamente co novo vial coñecido como Variante de Alba permitiría crear unha ronda exterior de conexión entre a estrada litoral PO 308 (Pontevedra-Ogrobe) e a estrada N550 (Pontevedra-Santiago), articulando e mellorando de maneira substancial a mobilidade en toda a zona.
O deputado Luís Bará presentou unha iniciativa na que demanda ao goberno galego a contratación no presente ano 2024 do proxecto para a construción do Vial do Vao de conexión entre a PO 310 na Caeira e a PO 531 (Pontevedra-Vilagarcía) co obxectivo de licitar as obras ao longo do ano 2025
Segundo Luís Bará, “o Vial do Vao é unha nova estrada duns 500 metros de lonxitude que tería unha incidencia moi favorábel na desconxestión da Ponte da Barca e permitiría levar a cabo unha importante transformación do primeiro treito da PO 308 na zona da Barca, dándolle caracteristicas plenamente urbanas”.
Na iniciativa rexistrada no parlamento, o BNG demanda que xuntamente co proxecto da nova estrada coñecida como Vial do Vao, se contrate un proxecto de remodelación, urbanización e ordenación da mobilidade na PO 308 na Barca e Andurique, até cando menos a rotonda que dá acceso a Lourido e á AP 9. E asimesmo un proxecto de acondicionamento e mellora da PO 308 entre este punto e A Seca.
Para o deputado nacionalista Luís Bará, estamos diante dunha iniciativa que debe ser estratéxica e prioritaria para a Xunta porque serviría para mellorar a conectividade e a mobilidade entre a costa e a estrada de Santiago e ademais permitiría darlle características plenamente urbanas ao primeiro treito da PO 308, unha zona densamente habitada, na que hai moita mobilidade peonil e actividade de servizos, e na que existen moitos problemas de seguridade viaria e son frecuentes os atropelos a peóns.