Soutomaior está a traballar no control das colonias felinas
Soutomaior, 13 de xuño de 2024. O concello de Soutomaior está traballando dende o comezo do actual mandato no control das colonias felinas do concello. Para isto está levando a cabo localización, alimentación, gastos veterinarios con fondos propios, e dende este mes e por primeira vez na historia, tamén se adhire ao convenio con CAAN, o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación Provincial. De momento, son xa 10 os gatos esterilizados grazas a este convenio.
A concelleira de Medio Rural, Charo Bouzón, considerou unha prioridade entrar neste programa de colaboración “xa que as colonias felinas eran un problema que viñan preocupando ás veciñas e veciños dende hai xa anos, xa que vían como aumentaba a poboación e estábase a volver incontrolada”.
Charo Bouzón tamén sinalou nesta xornada que “dende o concello temos un rexistro de colonias e cada semana, hai un novo aviso de colonia, nesta pasada semana tres persoas se puxeron en contacto co concello para avisar de gatos que viven na rúa e non son de ninguén”.
A concelleira tamén fai un chamamento ás veciñas e veciños para que “esterilicen aos seus animais, xa que ao chegar a primavera aparecen camadas abandonadas preto de contedores de lixo, isto ven sucedendo dende hai tempo, é unha situación que entre todas e todos temos que evitar”.
A concelleira agradeceu o traballo inxente que están a realizar as e os voluntarios no concello de Soutomaior, coa axuda na captura, traslado a CAAN, recollida, transporte e solta dos animais.