Manuel Fariña só permitirá a instalación de barracas na Festa da primavera se cumpren co Plan de Seguridade

Manuel Fariña só permitirá a instalación de barracas na Festa da primavera se cumpren co Plan de Seguridade

Caldas de Reis, 12 de abril de 2024. O Concello de Caldas ten abertas as portas da Festa da Primavera desta fin de semana a todos os postos e atraccións que acepten os plans de seguridade. O tenente de alcalde Manuel Fariña considera que o cumprimento das normas e o Plan de Autoprotección por parte dos e das feirantes propietarios de barracas é “básico e innegociable”, polo que afirma que no momento no que haxa un compromiso para cumprir os protocolos por parte dos representantes do colectivo, “só así”, permitiráselles a montaxe na Tafona. 

O responsable nacionalista de Festas destaca que, por unha cuestión de orde e tranquilidade para todas as persoas asistentes, é imprescindible que as barracas e postos de bebida e comida se instalen onde se lles asigna e non en calquera sitio sen control. Subliñou con firmeza que é necesario organizar e planificar toda a actividade na zona de maneira estrita para evitar incidentes e actuar de maneira eficaz no caso dunha emerxencia, destacando -entre outras cuestións- a intención de controlar o botellón que xerara problemas e molestias en pasadas edicións. 

Fariña indica que as e os feirantes instaláronse nunha postura de forza conxunta para presionar ao Concello e “saírse coa súa” para permitir unha serie de postos nuns lugares e cunhas condicións concretas, algo que non é viable segundo o Plan de Autoprotección que este ano o Concello contratou por primeira vez para garantir a festa e diversión co máximo grao de seguridade. Destaca que hai previsión dunha gran cantidade de persoas asistentes, polo que é preciso, dixo, actuar coa máxima responsabilidade e dando as garantías marcadas nese documento elaborado pola empresa PREVINEM, que analiza os riscos posibles na festa, e organiza cuestións como as evacuacións. 

Manuel Fariña: "o cumprimento das normas e do Plan de Autoprotección por parte de feirantes é básico e innegociable”

Destacou que aínda queda tempo -moi pouco- para chegar a un acordo, polo que fixo unha chamada á “sensatez” por parte dos e das feirantes para que acaten a normativa. Subliñou que a intención do Concello é que a festa estea completa, xuntando música con atraccións igual que en anos anteriores. “Comprendo -subliñou- que haxa veciñanza, sobre todo rapazada, que queira que haxa barracas e postos, mais o goberno local non permitirá a montaxe a calquera prezo: a seguridade vai primeiro”. 

Fariña aclara que a Festa da Primavera, aínda que non teña atraccións e postos na zona traseira da Tafona, si terá postos de bebida na zona do campo da festa onde serán as verbenas. As actuacións musicais comezarán mañá venres ás sete da tarde co que se deu en charmar ‘Kalidas Primavera Fest’, que contará coa participación de DJs como Anthony Godfather, Groove Amigos, Traffic House, Samu Pexe, Mr. J , Zoey Rey e Marcos Gramola. 

O sábado será a cita coa orquestra Panorama, ás 22.30 horas, cun dos primeiros bolos da nova xira do grupo galego baixo o título ‘IA Tour 2024’ e a discoteca móbil ‘La Gramola’. O domingo 14 a partir das seis e media da tarde será a quenda do ‘Grupo Alkar’, que será relevada polo DJ Marcos Magán. 

Manuel Fariña só permitirá a instalación de barracas na Festa da primavera se cumpren co Plan de Seguridade